O sorprendente dueto de Ortiga e Pili Pampín que se gravou en La Luna
Por Alejandro Espiño
É habitual que "Eu Chorar Chorei" soe entre os temas de calquera verbena galega pero, sen dúbida, non tivo xamais unha versión tan sorprendente como a que se acaba de estrear. O dueto formado por Ortiga e Pili Pampín revolucionou as redes.
En "Eu Chorar Chorei" ambos os dous artistas unen as influencias da salsa con sons actuais moi melódicos e rítmicos, todo iso coroado cun videoclip de aires retro que foi gravado en Pontevedra. Concretamente na discoteca La Luna, de Cerponzóns.
"Pili e eu coñecémonos no programa Land Rober e fixemos moi boas migas", explica Manuel González 'Chicho', a alma máter de Ortiga.
Pouco despois o programa Luar da TVG propúxolles facer unha colaboración para o seu especial de fin de ano e, tras facer a base da canción, "chameina para gravar", lembra o artista galego. A versión gustoulles tanto que "dixemos que era unha pena que quedase e iso" e decidiron acompañala cun videoclip.
Para el foi "súper fácil" traballar cunha artista tan carismática en Galicia como Pili Pampín. "Ela ten unha mente moi aberta e sempre está disposta a experimentar e probar cousas novas", engade Ortiga, que destaca que "me deu a súa confianza para facer o que me parecese".
"Eu Chorar Chorei" é un tema tradicional que os artistas adaptan facéndoo seu, dacabalo entre o folclore galego e os sons tropicais, e co que rompen os esquemas dun público afeito a velos noutras facetas.
Para a veterana cantante, traballar con Ortiga "foi un puntazo", xa que entre outras cuestións, "eu nunca cantara con autotune".
Por agora teremos que conformarnos con gozar deste tema a través deste videoclip, gravado o pasado mes de marzo e dirixido por Xaime Miranda, unha persoa "sempre esperta e creativa" co que Ortiga xa traballara antes.
"Delegamos todo el e estou agradecidísimo porque recolleu todos os elementos que había que expresar. Foi tal cal o que estabamos a buscar", engade o artista.
A ambos os artistas acompáñanos, entre outros colaboradores, unha parella do club de baile deportivo Un Paso Adelante de Narón.
Ortiga presentará o seu novo disco o vindeiro venres 6 de maio na Sala Capitol de Santiago. Será un concerto, "moi especial", asegura, que se gravará en vídeo e no que estará acompañado de grandes amigos como Grande Amore, Carlangas, High Paw, Cibrán García de Boyanka Kostova e, por suposto, da propia Pili Pampín.