'Re(A)Mar, memorias do salitre', de Vero Rilo, no Casal de Ferreirós
Por Redacción
O Casal de Ferreirós acolle este venres, a partires das 20.00 horas, 'Re(A)Mar, memorias do salitre', unha narración oral a cargo de Vero Rilo, a través da cal dará a coñecer historias reais ambientadas no mes de xullo de 1936, cando estalou a Guerra Civil, así como relatos sobre a resistencia, a represión no arsenal de Ferrol ou sobre as lavandeiras da Illa de San Simón.
Esta iniciativa pecha o programa A Memoria do noso, impulsado pola Concellería de Memoria Histórica, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, co obxectivo de reivindicar, poñer en valor e visibilizar o papel que tivo a cultura, nas súas diferentes formas, á hora de manter viva "a tradición e a historia do país, especialmente despois do inicio da Guerra Civil", explica a concelleira titular do departamento, Marga Caldas.
A cita será gratuíta e ata completar aforo. Este encontro estaba previsto para abril, pero tivo que ser aprazado. Anteriormente, a través da Memoria do Noso ofrecéronse outras actividades como un faladoiro a cargo de Esther F. Carrodeaugas, autora do texto da obra Voaxa e Carmín, e do escritor, músico e autor Xurxo Souto, que versaron sobre a música represaliada e a memoria histórica no mundo do teatro.
"Para nós é importante seguir impulsando iniciativas que incidan na reivindicación da historia recente do noso país", resaltou Marga Caldas.
Estas actividades inclúense dentro da axenda cultural Verbas en Flor, impulsada pola Concellería de Cultura, en colaboración cos departamentos de Normalización Lingüística, Memoria Histórica e Medio Ambiente, e que aglutina diferentes iniciativas lúdicas que se desenvolven ao longo da primavera en Poio.
Relacionadas:
-
Cultura, deporte e medio ambiente, protagonistas da terceira edición de Verbas en Flor
Por Redacción |
-
O Paroleiro irá este venres cos seus contos á Biblioteca de Campelo
Por Redacción |
-
O Casal de Ferreirós acollerá o programa 'A memoria do noso'
Por Redacción |
-
Os 'maios' e a as Letras Galegas, eventos destacados na primavera cultural de Poio
Por Redacción |