Unha ruta guiada amosará á poboación os espazos da vida e inspiración de Laxeiro en Pontevedra
Por Redacción
A poboación pontevedresa terá esta fin de semana unha oportunidade para coñecer mellor a relación da cidade con Laxeiro. Será a través da ruta guiada 'A Pontevedra, a boa vila nos camiños', que partirá este sábado ás 11.00 horas.
A ruta organízaa a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) en colaboración coa Deputación de Pontevedra, partirá do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e consistirá nun percorrido a pé de dúas horas e cincuenta minutos.
Durante a visita, as persoas participantes coñecerán os antolóxicos murais do que foi o Café Moderno (O manancial da vida) e terán oportunidade de coñecer os espazos da vida e inspiración de Laxeiro en Pontevedra e deterse a ver a súa obra e contrastala coa dos seus contemporáneos no Museo de Pontevedra.
A ruta estará guiada polo historiador da cultura galega, arqueólogo e escritor, Felipe-Senén López, secretario da RAGBA.
A inscrición está aberta e haberá que enviar un correo electrónico indicando a ruta ao enderezo roteiros.cultura@depo.gal.
A visita englóbase na actividade de rutas guiadas 'Os camiños de Laxeiro', que pretenden contextualizar o pintor nos espazos da súa inspiración, lugares de ida e volta para el.
José Otero Abeledo, Laxeiro, é un dos grandes representantes do movemento renovador da arte galega. A RAGBA dedicoulle o Día das Artes Galegas 2022 á súa figura.