Xoán Rubia presenta o libro 'Pasaba por aquí e quedei un intre' e repasa a súa traxectoria no Casal de Ferreirós
Por Redacción
O cantautor e músico Xoán Rubia presentou este venres no Casal de Ferreirós o seu libro 'Pasaba por aquí e quedei un intre', onde fai un repaso á súa ampla traxectoria musical, iniciada hai máis de medio século.
O encargado de presentar a charla foi o alcalde de Poio, Luciano Sobral, que asegurou sentirse "moi honrado de contar coa amizade de Xoán Rubia, un referente xeracional dentro da tradición e da cultura galega, que sempre apostou pola nosa lingua á hora de dar vida a fermosas cancións e obras".
No acto, o artista contou numerosas anécdotas e interpretou algunhas das súas composicións para, finalmente, obsequiar aos asistentes con exemplares do seu libro.
Previamente, na Reiboa celebrouse un acto en recordo de Xerardo Moscoso, cofundador de Voces Ceibes finado en maio de 2021.
Nesta ocasión, o alcalde Sobral, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e o propio Xoán Rubia tomaron parte na ofrenda floral realizada diante do monolito que lembra a figura de Moscoso, xunto a dúas árbores que se prantaron o ano pasado, días despois do seu falecemento, a modo de homenaxe póstuma.
"Xerardo foi un referente e unha luz a seguir en tempos de oscuridade. Transmitunos grandes valores e non esquecemos a súa implicación a través do Cineclub nos anos nos que viviu en Poio", lembrou o rexedor.
Pola súa banda, Xoán Rubia interpretou a capela unha ranchera e o tema 'Negra sombra', a modo de homenaxe a Moscoso