O Memorial Ricardo Portela envolve A Ferrería de música tradicional ata o domingo
Por Redacción
Cunha homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero. Así regresa a Pontevedra un dos eventos máis tradicionais das Festas de Verán, o Memorial Ricardo Portela. A Praza da Ferrería volverá ser o seu epicentro, entre o venres 15 e o domingo 17 de xullo.
O memorial, que chega á súa edición número 23, busca levar a música tradicional galega ata as rúas da cidade, ao tempo que rememora a figura do gaiteiro de Viascón, a través de diferentes actividades e actuacións que enchen de melodía e percusión as diferentes horas do día.
Así, o venres 15 de xullo, ás 17:30, os pasarrúas de Dúo Alvariño, Gaiteiros das Rías Baixas, Millarancos e Par de Par percorrerán a vila e as súas prazas. Ás 21:00 horas, a primeira xornada verá a súa fin co concerto de Volta e Dálle.
O sábado 16 de xullo soarán as gaitas e o bombo da man de Boas Pécoras, Cuarteto de AC Abertal, Os enxebres de Cacheiras e Os Erdeiros dos Morenos de Lavadores. A partir das 11:30 horas e das 18:00 horas, polas diferentes prazas e rúas da cidade.
Ás nove da noite será a homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero, mentres que ás 21:15 horas, na Praza da Ferraría, comezará o concerto de Carapaus.
Na última xornada, o domingo 17 de xullo, Bailai Malditos, Cantigas e Frores, Meiró e Turoqva pasearán e animarán coa súa música a visitantes e veciñanza, primeiro ás 11:30 horas e logo ás 18:00 horas. Caamaño & Ameixeiras ofrecerán o seu concerto na Praza da Ferraría ás 21:00 horas.
Durante os tres días estará aberta en paralelo a XX Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais, na que participarán Afonso Castro, Alberto Pires, Cesar Loureiro, Iago Salgado, Lorena Reinaldo, Luís Martíns, Master Gaita, Nebra, Oli Xiráldez, Queima, Tunhas e Xaneco.
XOSÉ ROMERO E MARUXA MIGUÉNS
O homenaxeado este ano, Xosé Romero Suárez naceu en 1930. Aos cinco anos xa mostraba interese pola gaita e fabricou unha cun anaco de caña e unha vexiga de porco. O seu pai recoñeceu axiña o seu talento e comproulle unha.
Aos 10 anos xa fundou o grupo Aires da Nosa Terra xunto a Ramón Carou, Afonso Romero e Vicente Carou. Pero en 1950 o servizo militar obrigounos a aparcar os instrumentos. Dous anos despois, el coa súa gaita e Afonso co seu bombo únense a Francisco Iglesias (gaita) e Che Novoa (tambor) e fundan Os Rosales.
Ese mesmo ano, Xosé namora da que será a súa muller, Eclíptica Orbita (Maruxa), que entón ten dezaseis años e coa que casará en 1955. En 1962 Afonso lesionouse nun brazo ao caer dun escenario nunha verbena.
Imponse entón a necesidade de buscar un substituto para cumprir cos compromisos de varias actuacións, é aquí cando Maruxa entra na formación, aínda que xa demostrara a súa valía coa percusión nos ensaios: debutou na festa do Rosario, na parroquia de Leiro. Ela presentaba as actuacións, introducía os temas, cantaba e encargábase da imaxe do grupo, confeccionando e amañando os traxes.
Para entón, a parella xa creara escola no seu fogar: en 1963 incorpórase ao grupo o seu fillo de 6 anos, Pepe Romero (actual director da banda Suevia de Porto do Son), que chega para quedarse tocando o tambor; en 1972 faino o seu fillo Mario e, en 1983, a súa filla Sandra. Os tres son gaiteiros na actualidade.