A escritora arxentina Mariana Enríquez revoluciona Pontevedra nun encontro cos seus lectores
Por Redacción & Mónica Patxot
A Libraría Paz vestiu este xoves as súas mellores galas para recibir unha ilustre visita. Mariana Enríquez, unha das grandes referencias da nova literatura arxentina pasou por Pontevedra para presentar a reedición da súa primeira novela, Bajar es lo peor
Acompañada da xornalista e poeta Lara Dopazo, Enríquez mantivo un encontro cos seus lectores pontevedreses sobre a súa obra que, actualmente, está traducida en varias linguas e publicada en máis de vinte países de todo o mundo.
Aos seus 49 anos, Mariana Enríquez ten seis libros editados en España. O máis exitoso foi Nuestra parte de noche, co que gañou o Premio Herralde de Novela e o Premio da Crítica 2019.
A el súmanse Las cosas que perdimos en el fuego, Los peligros de fumar en la cama, La hermana menor, Alguien camina sobre tu tumba e Bajar es lo peor, o libro que presentou na Libraría Paz de Pontevedra.
Esta novela, editada pola editorial Anagrama, está ambientada no Buenos Aires nocturno, sórdido e vibrante dos anos noventa do século pasado. Os seus protagonistas, tres adolescentes que se asoman ao abismo das drogas, a destrución e o amor.
Escrita cando a autora tiña dezanove anos e publicada en 1995, esta primeira novela de Mariana Enríquez estivo longos anos descatalogada e converteuse en obra de culto.