Unha exposición recolle imaxes de Combarro na prensa local
Por Redacción
A Escola do Campo de Combarro, onde se empraza a Oficina de Turismo, acolleu este mércores o primeiro acto de presentación da exposición 'Fotoxornalismo, Combarro na prensa local', unha iniciativa impulsada pola Asociación A Solaina, en colaboración co Concello de Poio, e que forma parte das actividades que se están a desenvolver para conmemorar os 50 anos do nomeamento do núcleo da localidade como Conxunto Histórico Artístico.
A mostra está composta por un total de 40 instantáneas, cedidas por profesionais dos catro medios de comunicación de referencia na bisbarra de Pontevedra: PontevedraViva, Diario de Pontevedra, Faro de Vigo e La Voz de Galicia.
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz, e o secretario da Asociación A Solaina, Andrés Dacosta, participaron neste acto, no que explicaron que esta colección "recolle a peculiaridade arquitectónica de Combarro, a súa esencia como lugar singular, o día a día das súas xentes e a súa tradición mariñeira".
Tamén estiveron presentes o xornalista de PontevedraViva, Ramiro Espiño, e o delegado do Faro de Vigo en Pontevedra, Nicolás Davila. Os e as fotógrafas autores das instantáneas son Gustavo Santos (Faro de Vigo), Rafa Fariña e Gonzalo García (Diario de Pontevedra), Capotillo e Ramón Leiro (La Voz de Galicia), e Mónica Patxot, Diego Torrado e Cristina Saiz (PontevedraViva).
"Esta exposición quere ser unha pequena homenaxe a todas aquelas xornalistas que desde a prensa local proxecta a vida das xentes de Combarro e dos seus hóspedes, permitindo, deste xeito, deixar testemuña da súa singular historia recente", sinalan os responsables da mostra.
A exposición poderá visitarse ata o 31 de agosto. Unha das súas peculiaridades é que permanecerá a disposición da cidadanía de xeito simultáneo na Escola do Campo de Combarro, onde se atopan as imaxes cedidas polo Faro de Vigo e PontevedraViva, e no Casal de Ferreirós, que acolle as fotografías de Diario de Pontevedra e La Voz de Galicia.
Precisamente, as dependencias situadas no núcleo da parroquia de San Salvador acollerán este venres, ás 13.00 horas, un segundo acto de inauguración, no que, ademais do alcalde Sobral e de Silvia Díaz, participarán o tesoureiro da Solaina, Antón Briones; o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, e o delegado de La Voz de Galicia en Pontevedra, Christian Casares.
Con respecto aos horarios, a parte da mostra habilitada en Combarro estará operativa desde as 9.00 ás 19.00 horas, mentres que en Ferreirós o horario será de 9.00 a 15.00 horas. As persoas que visiten a exposición terán á súa disposición 2.000 folletos informativos, nos que se recollen datos de interese sobre a propia colección, así como a historia e traxectoria dos medios de comunicación protagonistas e dos fotógrafos e fotógrafas participantes.