Ambar inaugura 'Mar Diverso' en Cambados
Por Redacción
A Praza de Fefiñáns de Cambados foi escenario este venres da celebración do primeiro evento de 'Mar Diverso', o festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro. A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional era a encargada de realizar unha peza escénica sobre o escenario baixo a dirección de Fran Sieira.
O coñecido coreógrafo galego que acompañou ás Tanxugueiras no festival de Benidorm foi o encargado de traballar co grupo de artes escénicas de Ambar coas que elaborou unha proposta na que se trata o mar e o litoral a través do movemento e da música. O grupo está integrado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Mariña Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos, que obtiveron o premio Begoña Caamaño en 2021 e formaron parte das performance 'Elas' e 'As paisaxes de Camille'.
A proposta ofrece a posibilidade de que o público comprobe o potencial e o talento que existe na diversidade. Con este arranque, 'Mar Diverso' continuará con novas accións artísticas de persoas con diversidade funcional dentro da contorna da Ría de Arousa nun proxecto que financia o Grupo de Acción Local Pesqueira da Ría de Arousa.
Entre outras propostas, o martes 26 ás 12.30 horas, realizarase un mural no porto de Escarabote, en Boiro e o xoves 28 está prevista a presentación, ás 12.30 horas, dunha peza escultórica dirixida por Mar Ramón na praia das Salinas, na Illa de Arousa.