O Festival Armadiña Rock pecha o seu cartel e abre o prazo de reservas para acampar
Por Redacción
A Asociación Armadiña, entidade sen ánimo de lucro que se encarga de organizar na vila de Combarro o Festival Armadiña Rock, xa ten perfilados os detalles da súa programación: A repartición por días dos concertos e o formulario de reserva para acampar.
A organización deseñou un formulario de Google Drive para que as persoas interesadas en acampar na zona de A Reiboa o cubran co fin de obter unha previsión aproximada das unidades de tendas que haberá. Piden que se cubra un formulario por cada tenda, e non é preciso indicar os datos de todas as campistas.
Respecto á programación do festival, que terá lugar a última fin de semana de agosto, o venres será o día no que A Banda do Patio encherá a vila de música e o sábado, pola súa banda, Combarro encherase de ferreñas grazas ás actuacións das pandeireteiras da ACDeM Armadiña e mais da Asociación do Ronsel. Para o público familiar, o venres será a oportunidade de aprender e gozar da man da asociación de artistas pontevedresas O Galpón Lab, e o sábado tocará gozar co “Consertasso nas Hortas” de Brais das Hortas.
Os concertos principais repartiranse do seguinte xeito: o venres tocarán Desakato, MJ Pérez con Banda, O Cadelo Lunático e Llegamos Tarde DJ Set; o sábado, Reincidentes, Tremenda Jauría, Rebeliom do Inframundo, Sofía Gabanna, La Quinkillada e máis Fondo Norte e, por último, o domingo será a quenda de Sheila Patricia.
O Festival Armadiña Rock conta co patrocinio do Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, así como con diversas colaboracións. Toda a actividade, que será de balde, pode seguirse a través das súas redes sociais.
Relacionadas:
-
Brincos eléctricos na apertura do Armadiña Rock
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Dous 'puntos lila' ofrecerán seguridade contra condutas machistas durante o Festival Armadiña Rock
Por Redacción |
-
Derradeiras confirmacións do Armadiña Rock
Por Redacción |
-
Rebeliom do Inframundo, MJ Pérez e La Quinkillada, as tres primeiras confirmacións do Armadiña Rock 2022
Por Redacción |