A Praza da Rualeira de Combarro acollerá a XVIII Mostra da Canción Mariñeira
Por Redacción
A Mostra da Canción Mariñeira, que este ano celebra á súa oitava edición e que é unha das citas principais da Festa do Mar de Combarro, terá lugar os días 26 e 27 de agosto na Praza da Rualeira de Combarro.
Ademais, o edil Xose Lois Martínez adiantou que A Taberna Mariñeira, onde se desenvolven as actividades en terra do Encontro de Embarcacións Tradicionais, levarase a cabo nun local que foi cedido de xeito altruísta polos responsables do Porto Deportivo, apuntou Martínez Blanco. “Queremos expresar o noso agradecemento por esta colaboración, xa que nos permitirá dispor dun espazo cunhas características inmellorables para acoller ás persoas participantes no Encontro”, apuntó Martínez Blanco.
Cómpre lembrar que estas actividades levábanse a cabo tradicionalmente na carpa. Este ano, ante a falta de espazo provocada polo peche do recinto portuario, por mor das obras do emisario que está a efectuar Augas de Galicia, a Concellería de Festexos apostou por non habilitar a carpa gastronómica e optar por este emprazamento alternativo para as citas relacionadas coas embarcacións tradicionais. “Instalar unha carpa para a Taberna Mariñeira suporía ocupar varias prazas de estacionamento durante toda a fin de semana, polo que entendemos que esta é unha solución axeitada, que conseguimos grazas á implicación do Porto Deportivo de Combarro”, incidiu Xosé Lois Martínez.
A Mostra da Canción Mariñeira iniciarase o venres 26, a partir das 20.30 horas, coas actuacións das agrupacións Vento Mareiro Forza 5 (O Morrazo), Os Saljariteiros (Marín) e Os Palleta Mollada (Bueu). Xa o sábado, á mesma hora, a Praza da Rualeira acollerá a segunda xornada da cita, cos Chispas do Lérez (Combarro), os Cantareiras Bulideiras (Vilagarcía) e Cambio de Pola (Redondela).
Con respecto ao Encontro de Embarcacións Tradicionais, cómpre lembrar que a recepción aos e ás participantes será o venres 26 ás 17.00 horas. A primeira cea de tripulacións está fixada para as 21.30 horas. Xa o sábado, comezarán as regatas e as navegacións libres pola mañá, coa novidade de que este ano a Regata da Reiboa será puntuable para a Copa Mörling. Haberá un xantar (14.30 horas) e unha cea (22.00 horas), con entrega de premios previa. As embarcacións despediranse o domingo pola mañá.
Xosé Luís Martínez ten claro que esta cita “representa á perfección os valores tradicionais que tamén caracterizan á Festa do Mar e ao pobo de Combarro”, polo que amosa a súa satisfacción polo feito de que “poidamos contar cun espazo tan emblemático como a Praza da Rualeira para a Mostra da Canción Mariñeira e cun local como é o antigo asador do Porto Deportivo para Taberna Mariñeira, na que tamén habilitaremos unha exposición”.
Por último, o titular de Festexos lembra que a Festa do Mar dará inicio á súa vixésima primeira edición o vindeiro martes, 23 de agosto, coa actuación de Sote Dj e El Combo Dominicano no campo de fútbol de Samieira.
Por outro lado, a Praza da Chousa de Combarro acollerá este domingo 21 de agosto, a partires das 20.30 horas, unha nova cita gratuíta pensada para un público familiar e que se inclúe na programación impulsada desde as áreas de Cultura, Normalización Lingüística e Deportes para conmemorar os 50 anos do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico Artístico.
Trátase da actuación do Mago Paco, un dos favoritos das crianzas, grazas ao seu uso da música, o humor e, por suposto, moita maxia. Esta actividade forma parte do programa Galicia Ilusiona, patrocinado pola Xunta de Galicia co gallo do Xacobeo 2021-2022, e está producido por Pedro Bugarín e Dani Polo.
Relacionadas:
-
Á caza de tesouros nun tesouro
Por Manu Otero |
-
A Festa do Mar sube o pano este martes coa música de El Combo Dominicano
Por Redacción |
-
A Festa do Mar contará con actuacións en Raxó, Samieira e Combarro pero prescinde da carpa gastronómica
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Semana Cultural de Combarro do Ateneo Corredoira comeza o venres 12 con múltiples actos
Por Redacción |
-
O Concello de Poio solicita ao de Vilaboa o cambio de nome da súa 'Festa do mar'
Por Redacción |