A Festa do Mar sube o pano este martes coa música de El Combo Dominicano
Por Redacción
Ata o próximo 28 de agosto é tempo de festa en Poio. Arranca a vixésimo primeira edición da Festa do Mar, que encherá de actividades as parroquias de Samieira, Raxó e Combarro.
O campo de fútbol Río de Bois de Samieira acollerá o martes, a partir das 21.30 horas, a primeira das citas da festa, que retoma a súa esencia despois das restricións pola pandemia.
Será con El Combo Dominicano e cun espectáculo previo a cargo de SOTE DJ.
O Concello de Poio habilitará aparcadoiros disuasorios nas inmediacións dos lugares nos que se celebran os eventos, garantindo espazo para acoller a un gran número de vehículos. Son parcelas cedidas de xeito altruísta polos seus propietarios.
No caso de Samieira, abrirase o terreo que se atopa fronte á igrexa parroquial, así como unha parcela situada nas inmediacións da PO-303. Ademais, tamén se destinará parte do campo de fútbol para acoller vehículos.
Polo que respecta a Raxó, onde actuarán a Orquestra Olympus e Dr. Queen o mércores e xoves, respectivamente, ás 22.00 horas, poderase estacionar nos terreos xuntos ao local de Cáritas, nas inmediacións da rotonda da PO-308 e nunha parcela lindeira.
Por último, na Seca (San Xoán), abrirase o terreo que se utiliza habitualmente como aparcadoiro disuasorio nas festas patronais. Tamén se abrirá outra parcela na 4ª Travesía da Seara, destinada ás persoas rexistradas no camping do Armadiña Rock, que será o venres 26 e o sábado 27 de agosto.
Os concertos pecharanse o domingo 28 na Praza da Chousa de Combarro, cun espectáculo a cargo de Concert Kids Gisela, ás 20.00 horas. Euro ABBA porá o broche final ás 22.00 horas.
A entrada será gratuíta en todas estas actuacións musicais.
Nesa fin de semana, entre o venres 26 e o domingo 28, chegará tamén o Encontro de Embarcacións Tradicionais e as actividades en terra, a coñecida como Taberna Mariñeira, desenvolveranse nun local do porto deportivo de Combarro.
A Mostra da Canción Mariñeira, pola súa banda, terá lugar na Praza da Rualeira de Combarro.
Relacionadas:
-
Combarro presume de cultura mariñeira na xornada grande da Festa do Mar
Por Redacción |
-
Máis de 30 embarcacións tradicionais participan esta fin de semana na concentración de Combarro
Por Redacción |
-
O público de Raxó volverá saltar na noite deste xoves con Dr. Queen na Festa do Mar
Por Redacción |
-
O ritmo de El Combo Dominicano deixa paso á Orquestra Olympus na Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Praza da Rualeira de Combarro acollerá a XVIII Mostra da Canción Mariñeira
Por Redacción |
-
A Festa do Mar contará con actuacións en Raxó, Samieira e Combarro pero prescinde da carpa gastronómica
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada