Máis de 30 embarcacións tradicionais participan esta fin de semana na concentración de Combarro
Por Redacción
A Festa do Mar chega ao seu tramo final e faino esta fin de semana cunha das citas fundamentais, a concentración de embarcacións tradicionais que se desenvolve en Combarro. Esta actividade promovida polo Club Mariño A Reiboa conta coa colaboración do Concello de Poio e comezará este venres con actividades ata o domingo.
Está prevista a participación de máis de 30 embarcacións. Durante a tarde do venres realizarase a recepción e a consecuente cea de tripulacións dos barcos que acoden a este evento.
Ao longo do sábado 27 desenvólvese a Regata da Reiboa, unha competición puntuable para a Copa Mörling.
Tanto o venres como o sábado, a Praza da Rualeira, a partir das 20.30 horas acollerá a Mostra da Canción Mariñeira, unha actividade que leva oito anos de existencia.
O venres actúan Vento Mareiro Forza 5, do Morrazo, Os Saljariteiros, de Marín; e Os Palleta Mollada, procedentes de Bueu. Na xornada do sábado, a música correrá a cargo de Os Faíscas do Lérez, de Combarro, Cantareiras Bulideiras, de Vilagarcía de Arousa; e Cambio de Pola, de Redondela. Nesta sesión entregaranse os premios do certame entre os seis grupos participantes.
Ao longo do domingo desenvolverase unha xornada de navegación libre pola ría, antes da comida. Finalmente as embarcacións serán despedidas ao longo da tarde. Xosé Luís Martínez, concelleiro de Festexos, sinala que nesta edición, as embarcacións participantes teñen a posibilidade de fondear nas inmediacións do peirao da Chousa, unha opción que permite aos visitantes de Combarro ver o ambiente tradicional destas gamelas nunha contorna atractiva da ría.
A Festa do Mar finaliza o domingo tamén cun concerto a cargo de Concert Kids Gisela ás 20.00 horas na Praza da Chousa, un escenario no que a partir das 22.00 horas terá lugar o concerto de Euro ABBA. Ao mesmo tempo, neste espazo durante a fin de semana desenvolverase o Festival Armadiña Rock.
Relacionadas:
-
Combarro presume de cultura mariñeira na xornada grande da Festa do Mar
Por Redacción |
-
O espírito de Mercury sobrevoa Raxó
Por Redacción |
-
Dous 'puntos lila' ofrecerán seguridade contra condutas machistas durante o Festival Armadiña Rock
Por Redacción |
-
O público de Raxó volverá saltar na noite deste xoves con Dr. Queen na Festa do Mar
Por Redacción |
-
A Festa do Mar sube o pano este martes coa música de El Combo Dominicano
Por Redacción |
-
A Festa do Mar contará con actuacións en Raxó, Samieira e Combarro pero prescinde da carpa gastronómica
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada