'Festivala: mulleres creando' sobe o pano este sábado cunha exposición sobre a saúde mental feminina
Por Redacción
O soño de Lilith, a asociación feminista que organiza por sexto ano consecutivo o certame 'Festivala:mulleres creando', inaugura mañá, sábado 20 de agosto, a edición adicada á saúde mental nas mulleres cunha exposición na Praza Galicia de Vilagarcía de Arousa.
No acto, que será ás 12:30 horas, intervirán a deputada da Deputación de Pontevedra, Noemí Outeda, representantes do Concello e a presidenta do soño de Lilith, Daisy Alcalde. “Estamos moi emocionadas con poder levar a cabo outro ano máis un proxecto como Festivala e tras a pandemia cremos que o tema idóneo para esta sexta edición é a saúde mental nas mulleres”, explica Alcalde.
Serán os días 26 e 27 de agosto cando a praza da II República se encha de concertos e obradoiros. O venres 26 é a noite de DJs coa Yaya DJ, KDJ e Señora DJ, todas artistas vilagarcianas. “Parécenos moi importante que participen artistas da nosa cidade e que Festivala sexa un espazo para aquelas que están a empezar”, segue a presidenta.
Tras a volta á “normalidade” no ámbito social, regresa tamén a habitual e característica feira de Festivala o sábado ao longo de todo o día, onde múltiples mulleres emprendedoras dan a coñecer os seus proxectos, desde escritoras ata ilustradoras, pintoras, artesás ou nutricionistas. Festivala aposta este ano pola comida vegana e a soada marca La Vanetta ofrecerá unha foodtruck para que as asistentes aos concertos non teñan que desprazarse do recinto durante os dous días de concertos.
O sábado Festivala trae pratos fortes ao escenario como A Banda da Loba, De Vacas, Kumbia Queers e Sofía Cristo DJ, como todas as actividades do certame, gratuítos. Hai uns días, O soño de Lilith anunciou a actuación sorpresa de Fillas de Cassandra polo décimo aniversario da asociación.
Como cada ano, Festivala ofrece obradoiros, como “A Saúde mental nas diferentes etapas da muller”, que será impartido por psicólogas o 3 de setembro no Auditorio de Vilagarcía. O 7 de setiembre proxectarán a película “We need to talk about Kevin” en colaboración co cineclube Ádega.
Relacionadas:
-
Comeza a programación de outubro do Cineclube
Por Oskar Viéitez |
-
Investigan os actos vandálicos contra a exposición de 'Festivala. Mulleres creando'
Por Redacción |
-
De Vacas e Nelson Quinteiro abren este xoves o Revenidas "en conserva"
Por Redacción |
-
Vilagarcía acolle a I Festivala "Mulleres creando"
Por Redacción |