Amancio Prada cantará a Rosalía de Castro desde o mosteiro da Armenteira
Por Redacción
Ata catro concertos vai a ofrecer nos próximos días o cantante e compositor Amancio Prada en espazos monumentais de Galicia. Un deles, este domingo 28 de agosto ás 21:00 horas, será no mosteiro da Armenteira, en Meis.
O concerto terá entrada libre ata completar o aforo dispoñible.
Amancio Prada ofrecerá un recital dedicado por completo a vida e obra de Rosalía de Castro con poemas musicados como Adiós ríos, adiós fontes, Como chove miudiño ou Airiños, aires.
Este é un ciclo de concertos organizado pola Xunta de Galicia.
Desde 1974, Amancio Prada ten musicado, cantado e gravado a obra da gran poeta galega Rosalía de Castro, cuxa obra coñeceu por primeira vez con 19 anos e vivindo en Castela e León.
Ao longo da súa carreira fixo o mesmo con poemas de autores como Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, Juan de la Cruz, Teresa de Jesús, Agustín García Calvo, Antonio Pereira, Juan Carlos Mestre ou Gustavo Adolfo Bécquer e ten actuado en diferentes lugares do mundo.