O Centro Cultural Xaime Illa proxecta este venres a película 'Cuñados'
Por Redacción
As proxeccións do Ciclo Mestre Mateo retornan ao Centro Cultural Xaime Illa. Da man deste programa, do que forma parte Poio e que está impulsado pola Deputación de Pontevedra, ofrécese á veciñanza a posibilidade de gozar cos oito traballos audiovisuais que resultaron gañadores na última edición dos Premios Mestre Mateo.
O primeiro deles será 'Cuñados', unha comedia dirixida por Toño López e que conta coa participación de actores como Xosé Touriñán, Miguel De Lira ou Federico Pérez Rey. A cita terá lugar ás 21.00 horas deste venres 9 de setembro e, como xa é habitual, a entrada será gratuíta.
Previamente, ás 20.00 horas, as propias dependencias do Xaime Illa acollerán o acto de inauguración da exposición 'Matriarcas'. Trátase dunha colección impulsada por Graciela Castro Bea que serve para render homenaxe e recoñecer a importancia do labor que historicamente vén desenvolvendo a muller no mundo do mar.
Esta actividade forma parte da programación organizada polo Concello de Poio para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Conxunto Histórico de Interese. A mostra permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ao longo de todo o mes de setembro, segundo informa Rodríguez Alonso.
CURSO GRATUÍTO SOBRE MODA SOSTIBLE
Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica informa de que está aberto o prazo de inscrición para poder participar no curso gratuíto de moda sostible. Trátase dunha acción formativa que ofrece ás persoas inscritas a posibilidade de converter prendas de roupa que non se usan en accesorios de moda.
O curso, que é gratuíto e está dirixido a persoas en situación de desemprego, con prioridade para mulleres, dará comezo o venres 23 de setembro. Terá unha duración de 60 horas, das cales 45 serán ‘on line’ e as 15 restantes presenciais. Estas últimas desenvolveranse no Centro de Formación da Reiboa, situado na Seca, na parroquia de San Xoán. O proxecto está financiado a través da Fundación Biodiversidad.
As persoas interesadas en anotarse poderán obter máis información enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellopoio.org, ou chamando ao 886212131. Lémbrase que as prazas son limitadas.