'Descúbreas' lanza novos temas e a 'Escola de Letras' abre as inscricións para o obradoiro de Elvira Ribeiro
Por Redacción
Este xoves estréanse "Despiértate", de Caro, e "Cosas de Descartes", de Amparo, que se suman aos outros 6 temas gravados e producidos no programa de mentorización 'Descúbreas' que impulsa a Deputación de Pontevedra o mesmo que fai, xunto coa Editorial Galaxia, coa Escola de Letras que retoma a súa actividade co inicio dos talleres literarios en Vigo e Pontevedra, con Diego Giráldez e Anna Figueiredo.
Así, a terceira edición da Escola de Letras porá o broche de ouro aos seus talleres cun obradoiro de poesía a cargo da escritora de literatura adulta e infantil Elvira Ribeiro, que levará por título "Onde nace o poema". O taller terá lugar os días 18 e 25 de outubro de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación de 18.00 a 20.00 horas. As persoas que desexen formar parte del poderán realizar as súas inscricións a partir do vindeiro luns 12 de setembro, co envío dun correo electrónico a partir das 8.00 horas ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal.
'DESCÚBREAS'
E despois da súa preestrea na gala de clausura da 2ª edición de 'Descúbreas', celebrada no exterior do Pazo provincial o pasado xullo, todos os temas musicais das 8 rapazas que participaron no programa de mentorización do proxecto xa están dispoñibles para todo o público nas principais plataformas dixitais de streaming de audio e vídeo.
A través de 'Descúbreas', desenvolvido en colaboración con Regalamúsica, a Deputación de Pontevedra actúa para reducir a fenda de xénero na industria musical dándolle a oportunidade a 8 rapazas da provincia a formarse e dar os seus primeiros pasos profesionais neste ámbito. A mentorización inclúe a gravación dun tema e dun vídeo musicais e a planificación e promoción do seu lanzamento real ao mercado.