Cheo total na estrea de 'Papagena', unha ópera electrónica en galego que pon o foco nas relacións tóxicas
Por Redacción
As Ruínas de San Domingos colgaron na noite deste sábado o cartel de completo para unha cita cultural moi especial, a estrea de Papagena, unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narrou a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica.
As prazas para a primeira da representacións desta peza xa se esgotaron o pasado luns 5 de setembro e, na noite deste sábado, todas as butacas estiveron cheas para a cita.
Esta ópera da compañía ButacaZero está dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas e chegou a Pontevedra da man da Deputación de Pontevedra. Á estrea non faltaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e a deputada de Cultura, Vicky Alonso.
A partir desta estrea, a peza xirará por un total de catorce localidades de Galicia ao longo deste trimestre contribuíndo a romper clixés sexistas e democratizar este xénero musical para achegalo a escenarios onde non é habitual.
Na provincia de Pontevedra tamén se representará o sábado 24 de setembro no Grove; o domingo, 9 de outubro, en Caldas de Reis; o venres, 21 de outubro, chegará a Tui; o sábado, 5 de novembro, a Gondomar; e o 19 de novembro en Bueu.
Papagena está baseada na parella de persoas-paxaro da obra A frauta máxica de Mozart, revisada con perspectiva de xénero.
Está protagonizada pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes, que actuaron acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e o libreto e director musical. O elenco da produción completárono Esther F. Carrodeguas, produtora e co directora, e Xavier Castiñeira, director artístico da peza.