"Gloria Nacional", "As Cigarreiras" e a obra infantil "Laika" na tempada teatral de outono de Vilagarcía
Por Redacción
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o segundo semestre do ano trae este outono a Vilagarcía dúas das obras premiadas como mellores espectáculos nos premios María Casares 2022 e Max 2021.
O cartel para a programación de outono no Auditorio componse de tres representacións a desenvolver nos meses de outubro e novembro mediante as cales o público vilagarcián poderá seguir gozando dos últimos traballos das compañías teatrais galegas e tamén dalgunha outra do territorio nacional. Nesta ocasión, o cartel componse das obras "Gloria Nacional", de Teatro do Noroeste, "As Cigarreiras", de Contraproducións, e da obra para público infantil, "Laika", que a compañía catalá Xirriquiteula estreará en Vilagarcía na súa versión en lingua galega.
Estas obras da Rede Galega de Teatros e Auditorios prográmanse a través do convenio asinado polo Concello de Vilagarcía e a Agadic, que financian ao cincuenta por cento o custe das actuacións. O orzamento do convenio do segundo semestre do ano ascende a 16.500 euros. Esta achega de ámbalas dúas administracións permite que o público poida presenciar as últimas representacións das mellores compañías teatrais galegas a prezos populares. De feito, a entrada xeral custa tan só 5 euros. Ademais existen entradas bonificadas ao prezo de 3 euros para desempregados, titulares do carné Xove e maiores de 65 anos.
O ciclo estréase o 1 de outubro ás 20.00 horas coa posta en escena de "Gloria Nacional", unha fermosa reflexión da Compañía Teatro Noroeste sobre o lugar que ocupa a creación artística e a cultura na sociedade actual.
O sábado 25 de outubro representarase "As cigarreiras", a obra da Compañía Contraproducións que triunfou na última edición dos Premios María Casares ao obter o máximo galardón nas categorías de mellor espectáculo, dirección e escenografía. Baseada na obra "La Tribuna", de Emilia Pardo Bazán, conta coa dirección de Cándido Pazó.
Por último, visitará por primeira vez o Auditorio de Vilagarcía a compañía catalá Xirriquiteula, que estreará na capital arousá a versión en lingua galega da súa obra infantil "Laika", unha montaxe que obtivo o Premio Max 2021 ao mellor espectáculo para publico infantil, xuvenil e familiar, e que conta cunha longa lista de recoñecementos. A obra representarase o sábado 13 de novembro a partir das 18.00 horas e establécese unha entrada de adulto a 5 euros e outra infantil (ata 13 anos) a 3 euros, ademais das bonificacións antes sinaladas.
As entradas para calquera destes tres espectáculos pódense adquirir xa de forma anticipada a través da billeteira electrónica de www.ataquilla.com e o día das funcións, no mesmo Auditorio, dende dúas horas antes do inicio dos espectáculos.