O mal tempo obriga a adiar a festa do Liceo Mutante para despedirse de Mollavao
Por Redacción
As previsións meteorolóxicas para esta fin de semana, que desaconsellan a celebración de eventos ao aire libre polo mal tempo, obrigaron ao Liceo Mutante a adiar a que ía a ser a súa festa de despedida antes de abandonar definitivamente o barrio de Mollavao.
"Agradecemos de corazón todo o apoio recibido e pedímosvos desculpas", sinalan desde o Liceo Mutante a través das súas redes sociais.
Tras agradecer especialmente a comprensión dos artistas que ían participar, a organización garante que a festa trasladarase a outra data que será anunciada moi pronto.
Para este sábado estaban previstas as actuacións de Malandrómeda, o mago da Rocha Vella ofrecendo rap híbrido, sucio e experimental, un artista que forma parte do Liceo Mutante desde os seus comezos; ou a cuadrilla dos Cró! con bailes imposibles e sonoridades sorprendentes.
Tamén se ía poder ver ao trío vigués Cheap Lipstick con rock rápido e algo de punk; Lamprea Explosiva con máis punk; Zurraspa, procedentes de Mos con pop e influencias punkies; e LCTRCTD, cofundador do Electrocute Zine e promotor de música experimental.