Nace o John Balan Fest, o primeiro festival de cine de Marín
Por Alejandro Espiño
O polifacético John Balan, o que a foi figura marinense mais mediática e internacional das últimas décadas, vaille a dar o nome ao primeiro festival de cine de Marín: o John Balan Fest.
Este certame audiovisual de carácter anual pretende fomentar o cinema independente galego ao mesmo tempo que rende homenaxe á figura do showman de Marín.
O festival terá tamén especial interese nas curtametraxes e longametraxes de países vencellados a Galicia, ao mundo atlántico e aos novos medios dixitais.
Como aperitivo o Café Cine Pontevedra acollerá este domingo a proxección do documental Devolvendo o golpe, dirixido polo tamén marinense, Carlos Prado Pampín e producido por Trece Amarillo, produtora de Marín.
Haberá un primeiro pase ás 18:00 horas e outro ás 20:00 horas e contará coa presenza do director e do protagonista da película, Aarón Thunder. A entrada é de balde ata completar aforo.
A segunda das actividades previas do festival será a proxección dun conxunto de pezas audiovisuais 100% galegas, que o público poderá ver os días 25 e 26 de novembro no Museo Manuel Torres.
Proxectaranse as pezas Negro Púrpura (Illa Bufarda), Augas Abisais (Xacio Gómez), Faro Violeta (Iris Justo) e O que queda de nós (Miguel Gómez).
O promotor da iniciativa é o cineasta marinense Daniel Antelo, co apoio do Concello de Marín e a asociación galega de profesionais da dirección e realización CREA.
A data do festival anunciarase proximamente pero a intención é facelo nos meses de verán, cando Marín e a contorna acolle mais xente e público para os filmes.