A II Mostra de Cine de Marín levará curtas e longametraxes á Cultural de San Xulián
Por Redacción
Esta fin de semana, os días 18 e 19 de novembro, terá lugar a II Mostra de Cine de Marín na Cultural de San Xulián (Estrada de Figueirido - Igrexario nº 28).
Segundo explican dende a organización, é esta unha actividade con espírito itinerante para fomentar o cinema independente entre os veciños e veciñas de todas as parroquias de Marín. "De novo proxectaremos filmes da casa, de países europeos e Latinoamérica", confirman.
En canto a la programación, o director da mostra, Dani Antelo, indica que "aproveitaremos parte das obras que non puideron ser proxectadas nas xornadas de agosto no John Balan Fest. Deste xeito facemos xustiza cos creadores e creadoras que inscribiron o seu filme, pero que por falta de espazo e orzamento non exhibiron nas salas do festival".
"A novidade de cara a esta segunda edición é que presentaremos un novo Clube Audiovisual coa expectativa de ser un referente no Concello. Son consciente de que hai moi pouca marxe entre o que se fixo este verán e a Mostra, pero de momento o calendario manda e fainos escoller de maneira forzada estas datas. Seguramente, de cara ao futuro, organizaremos un único evento que abrangue máis días, a poder ser unha semana enteira de proxeccións e actividades relacionadas co audiovisual", avanza Dani Antelo.
PROGRAMACIÓN
Sábado 18 de novembro ás 12.30h:
– "Señora, por favor" (Curtametraxe; María Aragón, Galicia)
– "Antes de que se poña o sol" (Curtametraxe; Nani Matos, Galicia)
– "Alicia Fai Cousas" (Curtametraxe; Ángel Santos, Galicia)
– "A moza da bufanda vermella" (Curtametraxe; Martín Caínzos, Galicia)
Sábado 18 de novembro ás 19.30h:
– "Justus" (Curtametraxe; Kim Culetto, Suíza)
– "Llamarada" (Longametraxe; Alejandra Almirón, Arxentina)
Domingo 19 de novembro ás 18.45h:
– "Cristal, papel, orgánico" (Curtametraxe, Almudena Vázquez; Castela e León)
– "Alegría" (Longametraxe; Luis Otero, Galicia)