Carmen Hermo inaugura o domingo 'Barcos de pedra, avións de madeira' no Espazo Nemonón
Por Redacción
Espazo Nemonón, situado en Villa Pilar na rúa Riestra, convértese no escenario para acoller a nova exposición da artista Carmen Hermo entre o 13 de novembro e o 9 de decembro.
A mostra leva por título 'Barcos de pedra, avións de madeira' e será inaugurada ás 13.00 horas deste domingo 13.
Trátase de obras que ofrecen unha mirada sinxela e lúdica sobre o proceso creativo, cunha análise sobre os cambios na vida e a volta ás orixes e á natureza. Esta exposición recolle o compromiso da autora co medio ambiente e a súa especialidade como experta en técnicas artísticas históricas e en útlimas tecnoloxías.
Carmen Hermo (A Coruña, 1967) é doutora en Belas Artes e docente desde 1991. O seu traballo educativo combínase con deseño e creación a través de obras que realiza no seu estudo de Pontevedra.
Ao longo da súa carreira participou en máis de sesenta exposicións de carácter estatal e internacional. Tamén publicou a súa obra e ensaios en numerosos catálogos e publicacións especialidadas, entre as que destaca o libro 'Pintar en la era digital', da colección Arte e Estética.
Ademais, Hermo é colaboradora como ilustradora da editorial Kalandraka coa que publicou 'Man de Camelle', obra que se converteu no Mellor Libro Ilustrado de 2019 da Gala do Libro Galego. Na súa ampla traxectoria foi comisaria de máis de 20 exposicións artísticas, entre as que destaca a do Museo Man de Camelle na Costa da Morte.