25 artistas reflexionan sobre sexo, violencia, relacións e maternidade na mostra 'Voilà la Femme'
Por Mónica Patxot & Redacción
Desde este xoves e ata o 10 de xullo, o Museo de Pontevedra no Edificio Castelao presenta as obras da 25 edición de 'Voilà La Femme', a exposición con máis traxectoria do Estado e mesmo internacional centrada en temáticas sobre arte e xénero.
As comisarias Yolanda Herranz e Celeste Garrido sinalaban que, nesta ocasión, 25 artistas ofrecen medio centenar de obras sobre problemáticas que afectan as mulleres. Desta forma, os traballos fan un percorrido sobre temáticas como o corpo, a violencia, a sexualidade, relacións de parella, maternidade, roles de xénero, os coidados e a dependencia, a interculturalidade, a identidade, as condicións laborais ou o cambio entre o privado e o público.
Esta mostra naceu o 8 de marzo de 1992 no Ateneo Santa Cecilia de Marín, froito da necesidade de reivindicar unha maior presenza das mulleres no escenario artístico. Desde aqueles inicios ata a actualidade, máis de 200 artistas relacionadas con Galicia participaron nas diferentes edicións.
Este ano o protagonismo é para artistas do nivel de Menchu Lamas Pérez, Yolanda Herranz Pascual, Celeste Garrido Meira, Ánxeles Iglesias Charlín, Carme Nogueira Alonso, Carmen Hermo Sánchez, Mar Vicente Souto, Sara Sapetti, Reme Remedios Fernández, Sonia Tourón Estévez, Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Ana Gil Rodríguez, Basilisa Fiestras Cachafeiro, Noemí Lorenzo Pérez, Beatriz Sieiro Caramés, Nuria Ruibal García, Itziar Ezquieta Llamas, Ofelia Cardo Cañizares, Gema López González, Isabel Alonso Vázquez, Mery Pais Domínguez, Colectivo LAG, Raquel Blanco Iglesias, Belén Diz Juncal, e Tania Crego Gutiérrez.
Xosé Manuel Rey, director do Museo, manifestou na inauguración que esta proposta quere reivindicar a mirada feminina no proceso de co-creación e cambio da realidade social. A maioría das creadoras desta edición formáronse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e atópanse directamente vencelladas á cidade, algunhas delas chegaron a converterse en docentes universitarias en Belas Artes no centro universitario pontevedrés.
Yolanda Herranz insistiu durante a súa intervención en que se trata dunha aposta pola igualdade e o xénero, que conta cun catálogo de calidade coa participación dalgúns dos máis importantes especialistas en crítica de arte e será distribuído por todo o planeta. Lembrou, ademais, a ausencia de Ángeles Iglesias, decana da mostra, falecida no período do proxecto; e a Berta Cáccamo, tamén falecida. "Témola na mente e no corazón", indicou a comisaria.
Pola súa banda, Celeste Garrido lembrou a creación da agrupación colectiva 'Portada de Igualdade', que busca a implicación dos museos para dar visibilidade ás creacións artísticas das mulleres e tamén promover que sexan coordinadoras e directoras destes espazos.
Relacionadas:
-
Carmen Hermo inaugura o domingo 'Barcos de pedra, avións de madeira' no Espazo Nemonón
Por Redacción |
-
RADIO.- El podcast 'A mí también me pasa' habla de la sexualidad femenina
Por Redacción |
-
Pospoñen a presentación do catálogo da exposición 'Voilà La Femme' no Museo
Por Redacción |
-
‘Voilà la femme’ celebrará o seu 25 aniversario con visitas guiadas e unha performance en vivo
Por Redacción |
-
'Voilà la Femme' recupera a edición suspendida pola pandemia
Por Redacción |
-
A exposición Voilá la Femme e as marinenses Celeste Garrido e Isabel Carragal, Premios Lazo Violeta 2019
Por Redacción |