Dobre xornada de debate no Museo de Pontevedra sobre a importancia da conservación preventiva
Por Redacción
O Museo de Pontevedra reuniu durante as xornadas de xoves e venres a máis de 200 expertos, profesionais de museos e empresas de restauración e estudantes no XI Encontro de Conservación e Restauración, con participantes e asistentes de España, Portugal, Países Baixos e Francia.
En total desenvolvéronse dez conferencias e tres coloquios que permitiron coñecer novas experiencias en materia de deseño e xestión das salas de reserva e reflexionar e debater sobre a importancia da conservación preventiva.
"Só a través da discusión e análise crítica é posible que a toma de decisións sexa máis informada, responsable e sostible", defendeu o director do Museo, José Manuel Rey, na presentación do evento.
Sobre a materia tratada destacou ademais que "nos últimos anos emerxeron algunhas iniciativas pioneiras que marcan o camiño nas salas de reserva", unhas novidades que se puideron coñecer ao longo das sesións celebradas estas dúas xornadas.
O evento foi organizado polo Museo e a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e completouse con dúas visitas: unha á colección permanente no Edificio Castelao e outra ao convento de Santa Clara.