O concerto de Nadal de Xeración Sónica cambia de escenario para celebrarse este venres na Sala Karma
Por Redacción
Un ano máis chega até a Boa Vila, por quinto ano consecutivo, o proxecto ao vivo de Xeración Sónica, para felicitar as festas de Nadal e facer bailar a todo aquel que se achegue.
Un xeito de coñecer novas e emerxentes bandas, novos talentos e futuros músicos da cidade do Lérez. Xeración Sónica forma parte do programa da Concellería de Xuventude de Pontevedra onde mozas e mozos de 13 a 17 anos amosan os seus proxectos musicais conxuntos.
Este 23 de decembro, a partir das 19:30, a Sala Karma —por mor da previsión meteorolóxica o concerto muda de ubicación desde a praza de Ourense— abrirá as súas portas para dar conta do traballo realizado polos participantes das edicións anteriores, que será publicado en tódalas plataformas baixo o nome de X- Sónica, para acto seguido comezar a descubrir o gran talento da xente máis nova da cidade.
O obxectivo deste espectáculo é presentar as novas bandas que se incorporaron nesta última edición, cargado de novos talentos e novas propostas musicais de tódolos xéneros e formas. Neste evento de balde e aberto para todos os públicos a veciñanza e visitantes poderán coñecer as novas agrupacións creadas apósd unha experiencia de anos de éxito tocando en directo, gravando e publicando contido de seu.