Os Chichisos, en plenos ensaios para o seu tradicional Cantar de Reis
Por Redacción
O Cantar de Reis que, tradicionalmente, Os Chichisos levan polas rúas de Pontevedra na véspera de Reis, xa está en plena preparación. Máis dunha ducia de rapaces e rapazas está a participar nos ensaios que están a facer os integrantes desta agrupación.
Así, a Casa do Pobo de Bértola está servindo de escenario para estes ensaios, que se estenderán ata o próximo 3 de xaneiro, o día antes da súa saída polas principais prazas da cidade de Pontevedra.
Os nenos, acompañados polos músicos de Os Chichisos, interpretarán as súas cantigas o mércores 4 de xaneiro, entre as 17:30 e as 20:00 horas.
Pasarán pola Praza da Liberdade, a Praza de San Xosé, a Rúa da Oliva, a Rúa da Peregrina / Daniel de la Sota, a Praza da Peregrina, a Praza da Ferrería e a Praza de Curros Enríquez.
Esta é unha actividade incluída dentro do programa de Nadal do Concello de Pontevedra.