"Calquera momento é bo para rememorar a Laxeiro"
Por Redacción
No Auditorio de Vilagarcía inaugurouse este luns a exposición 'Acción Laxeiro', organizada pola Real Academia de Belas Artes en colaboración coa Xunta de Galicia, incluida nos actos de celebración do Día das Artes Galegas que se conmemorou en 2022.
No acto de inauguración participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
A mostra está comisariada por Xurxo Lobato e permite ver o proceso creativo do artista en directo e outras pezas de gran interese documental. Compleméntase con fotografías de Laxeiro en pleno desenvolvemento do seu proceso creativo, así como retratos elaborados polo pintor lalinense doutros persoeiros da cultura do seu tempo, como Uxío Novoneyra ou Jorge Castillo, entre outros.
Román Rodríguez salientou o papel da ampla programación levada a cabo o ano pasado para impulsar a obra do autor e animou a seguir reivindicando a súa figura "calquera momento é bo para rememorar a Laxeiro, un dos máis orixinais creadores e personaxe esencial da nosa historia artística".
Esta exposición chega a Vilagarcía de Arousa avalada polo éxito nas anteriores paradas.