A exposición 'Acción Laxeiro' poderá verse en Vilagarcía desde este luns
Por Redacción
O luns 16 de xaneiro chega a Vilagarcía a exposición 'Acción Laxeiro', sobre o pintor lalinense, organizada pola Real Academia das Belas Artes para conmemorar o Día das Artes Galegas.
Trátase dunha mostra levada a cabo por Xurxo Lobato, fotoxornalista e membro da Academia de Belas Artes, onde amosa as obras dun dos artistas plásticos contemporáneos máis relevantes e recoñecidos de Galicia e o proceso de creación deses cadros.
A mostra itinerante inaugurarase o luns ás 20:30 horas na sala de exposicións do Auditorio coa presenza do alcalde, Alberto Varela, do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, do presidente da Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, e do comisario. Poderá visitarse ata o 17 de febreiro.
'Acción Laxeiro' mostra a Laxeiro en plena acción así como os resultados finais desa actividade mentres Xurxo Lobato recrea detalle a detalle o proceso de creación do pintor cando pintou o cadro de gran formato "Aparición" e cando elaborou unha obra para o libro "Galegos na escaleira".
Lobato retratou a Laxeiro neses dous momentos. O primeiro en abril de 1987 na galería "Trinta" de Santiago de Compostela, onde o pintor de Lalín accedeu a pintar en directo e ante numeroso público un cadro. Titulouno "Aparición" e é o óleo de 176 x 146 centímetros que se poderá ver en Vilagarcía a partir do luns. Xunto a el, as imaxes de Lobato que recollen ese fito.
O segundo momento foi en 1993, no domicilio do artista en Vigo, e mentres este pintaba a obra a incluír na publicación que a Fundación Caixa Galicia estaba preparando sobre destacados galegos e galegas de renome e que o propio Lobato ía a ilustrar coas súas fotografías.