O Museo acolle visitas guiadas e dous obradoiros impartidos polo fotógrafo Xulio Gil
Por Redacción
O Museo de Pontevedra reúne ata o 27 de marzo as últimas series fotográficas de Xulio Gil na mostra 'Símbolos do conflito'.
Coincidindo con esta exposición, o Museo presenta unha programación paralela co fotógrafo vigués como protagonista, con visitas guiadas para público xeral e obradoiros para xente nova.
A exposición contará con visitas guiadas todos os xoves ás 18 horas. Xulio Gil será o encargado de guiar esas visitas os días 16 de febreiro e 2 e 16 de marzo. As demais visitas guiadas correrán a cargo do equipo de Educación do Museo. O acceso ás visitas é libre e non é necesaria a inscrición previa.
En marzo terán lugar dous obradoiros dirixidos a xente nova, co título 'A mirada obxectivada'. O primeiro deles será o sábado 11 de marzo de 10:30 a 12:00 horas, dirixido a nenos de 10 a 12 anos. O sábado seguinte, 18 de marzo, a quenda será para os rapaces de 13 a 16 anos.
O obxectivo dos obradoiros é achegar aos participantes as claves da mirada fotográfica, unha aprendizaxe sobre como mirar a realidade para atopar a fotografía. A inscrición aos obradoiros pódese facer escribindo a reservas.museo@depo.gal.
A exposición 'Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil' reúne os traballos conceptuais que o fotógrafo vigués realizou desde o ano 2000. Está comisariada polo fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Faílde e organízase en once series: 'Fénix' (2000), 'Retablos esenciais' (2007-2015), 'Trompos' (2008), 'Matrilineal' (2009), 'Capela dos arcos' (2010), 'Capela dos homes' (2010), 'Cepas vellas' (2016), 'Cúpulas' (2017), 'Moradas' (2018), 'Penumbra da sal' (2019) e 'Gastro centro/Gastrofuturo' (2020-21).