"Matria" chega ao Festival de Málaga entre aplausos e o entusiasmo da crítica
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Matria continúa coa súa carreira triunfal en festivais antes da súa inminente estrea en salas. A película de Álvaro Gago, producida pola compañía pontevedresa Matriuska Producciones, foi recibida entre grandes aplausos na súa primeira proxección no Festival de Málaga.
Esta cita, que cada ano reúne ás principais estreas do cinema español e latinoamericano, rendeuse a unha historia que, segundo explicou o propio Gago ante a prensa, reflicte que hai "moitas mulleres que sosteñen o país na sombra".
Tras pasar pola sección Panorama da Berlinale, Matria -que chegará aos cinemas de toda España o próximo 24 de marzo- levou a Málaga a todos os seus protagonistas e á muller que inspira a súa historia, Francisca Iglesias, a "heroína particular" do director.
"Coidou moito tempo do meu avó e, se el viviu tan ben, foi en gran medida grazas a ela, porque lle insuflaba vida nuns momentos nos que estaba de loito pola morte da miña avoa", explicou Álvaro Gago sobre unha muller á que profesa unha profunda admiración.
Asegura que é unha muller á que "a miúdo non se lle ve e á que nunca se lle recoñeceu nada", polo que decidiu inspirarse nela porque "se non facía visible isto, sería unha realidade que quedaría aí", primeiro cunha curtametraxe e agora cun filme que amplía a súa historia.
Partindo dunha historia moi próxima, o director admite que foi "tomando distancia cos personaxes para humanizalos, retratalos en todas as súas arestas, empatizar con eles e coñecelos en detalle", coa vontade de retratar persoas humanas "en toda a súa complexidade".
A Francisca, na ficción, encárnaa a actriz María Vázquez, para quen foi importante construír o papel coa súa axuda porque "me abriu o seu corazón e a súa vida" e deulle claves para o seu personaxe.
"Síntome identificada. Aínda que poida parecer que non teño nada que ver con Francisca, hai moitas cousas. As actrices somos mulleres reais, obreiras, que sobrevivimos como podemos e temos que traballar", destacou a actriz.
O que lle gusta do seu personaxe, segundo recoñeceu en Málaga, é que teña "arestas" e non sexa perfecto, porque "hai momentos nos que mete a pata".
Ademais, celebra representar un papel "que me identifica como muller" e de ser respectuosa "coa miña terra, co idioma e co acento desa zona".
Xunto a eles, acompañando ao resto do equipo de Matria, estivo a propia Francisca Iglesias, que asegurou estar entusiasmada "como cando un neno ten un hormigueo no estómago e non sabe explicalo", ao pensar "que isto o verán moitas mulleres" que poden verse reflectidas.
Asegurou que para ela a vida "segue igual", porque ten que "seguir traballando", pero alégralle que "polo menos se faga visible" esta realidade e espera que "lle abra os ollos a todos e que lle dea forzas ás mulleres".