Este ano non haberá Armadiña Rock
Por Oskar Viéitez
A Asociación Cultural Armadiña ven de comunicar que "este ano non haberá Armadiña Rock", o festival de música gratuíto que se celebraba cada verán na praza da Chousa, en Combarro.
Nun comunicado dirixido ás "festivaleiras", esta asociación sen ánimo de lucro explica o motivo desta decisión: "Nos últimos anos, todo foi mudando: as nosas vidas persoais sufriron cambios importantes, os ánimos xa non son os mesmos ou o noso tempo libre xa non é o que era".
Ademais, sinalan que "organizar un festival aberto desde unha asociación de voluntarias non é o mesmo que facelo desde unha empresa privada".
"Os impedimentos e escasos apoios a nivel administrativo e institucional escasean máis cada día. A pouca confianza en asociacións como a nosa, que non se lucra deste tipo de eventos, tamén fixo que nos últimos anos tivésemos que ir sacando forza das reservas, e iso, como ben comprenderedes, acaba por esgotar", afirman no seu comunicado.
A asociación Armadiña aclara que "todo isto non quere dicir que a nosa intención sexa deixar o festival á deriva" senón que "precisamos un descanso que nos permita repoñer folgos e ilusión para regresar con forza no 2024".
"Non queremos que pensedes que isto remata aquí. Non. O Armadiña Rock ten moita vida por diante", engaden.
"Non queremos que pensedes que isto remata aquí. Non. O Armadiña Rock ten moita vida por diante"
As responsables da Asociación Armadiña aproveitan esta comuniciación para dar as grazas, primeiro ás persoas voluntarias que colaboran con elas, "infatigables, sempre dispostas a axudar pase o que pase" e tamén "ás festivaleiras que acudides a Combarro todos os anos, sexa cal sexa a proposta, e que, ademais de gozar, facedes todo o que estea na vosa man para impulsar o festival e enchelo de amor".
Este agradecemento esténdese ás empresas de Poio e aos seus patrocinadores, "por un apoio imprescindible". E, por suposto, á veciñanza de Combarro "que sabendo o que supón un festival coma este na vila, sodes o sustento primeiro".
"A cada unha de vós, hoxe, máis ca nunca: grazas por estar aí, por confiar. E seguide confiando, porque volveremos. O mar seguirá a medrar", remata Armadiña o seu comunicado.
Relacionadas:
-
A Romaría da Renda regresa en setembro tras o parón da pandemia
Por Redacción |
-
Acometen obras de conservación no paso inferior peonil da PO-308 en Combarro
Por Redacción |
-
Ana Tijoux, Desakato, Heredeiros da Crus e Rodrigo Cuevas, novas incorporacións ao cartel do Revenidas
-
Novas caras para PortAmérica: Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Deluxe, Loquillo, MClan ou Guitarricadelafuente
Por Alejandro Espiño |
-
A asociación Armadiña prepara unha nova exposición fotográfica sobre a beleza de Combarro