Abre a convocatoria do IX Concurso de Relato Curto 'Marín Conta'
O Ateneo Santa Cecilia de Marín convocou aos escolares dos centros educativos do Concello a participar nesta nova edición do concurso de relatos. A convocatoria inclúe tamén a Praceres ao ter en conta a súa proximidade xeográfica.
Desde o Ateneo explican as bases a seguir para poder participar no concurso, entre as que se atopan que o número máximo de palabras non pode superar as 500, baixando a extensión a entre 30 e 50 na categoría de Educación Especial.
En canto á temática, os relatos poden seguir unha narrativa totalmente libre e adaptándose a calquera xénero, baixo as únicas premisas de que a historia ocorra en Marín e que sexa un texto inédito, é dicir, que non fose premiado en ningún outro certámen anterior.
Os relatos entregaranse baixo "lema" en sobre pechado na sede do Santa Cecilia de Marín (Rúa do Forno Nº42, baixo), indicando os datos persoais do autor como o nome, idade, curso, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e centro educativo ao que pertencen. Doutra banda, tamén se poderá entregar vía online no correo ateneosantacecilia@gmail.com.
O xurado estará formado por tres persoas, que elixirán os finalistas de cada categoría (primaria, ESO, bacharelato/FP e Educación Especial) o xoves 11 de maio. Os gañadores anunciaranse na entrega de premios o día 16 de maio ás 20:00 horas, celebrándose no local do Ateneo Santa Cecilia.
Desde o Ateneo explican que se reservan o dereito para publicar os textos premiados en calquera momento se o estiman oportuno, polo que non se devolverán os relatos orixinais presentados. O prazo para presentar as obras termina ás 20:00 horas do xoves 4 de maio de 2023.