O Teatro Principal acollerá unha actuación de Pepe Vaamonde Grupo
O xoves 23 de marzo ás 21:00 horas terá lugar no Principal o Concerto de Primavera organizado polo Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. A banda de Folk Pepe Vaamonde Grupo será quen encabece o evento, que tamén contará coa presenza de integrantes da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e con María Vidal.
Pepe Vaamonde Grupo fará un percorrido polos seus máis de 20 anos de traxectoria e os seus 4 traballos discográficos, todo iso baixo o nome de O mellor dos catro Elementos.
A cantante María Vidal interpretará xunto a Pipo Alvariño e Myriam González algunhas das pezas recollidas no disco As cantigas de Elena. Doutra banda, os integrantes da aula de Música Tradicional interpretarán xunto a María Vidal Xota de Vilar, e uniranse a Pepe Vaamonde para tocar a primeira e a última canción do evento.
A entrada é gratuíta e as invitacións poderanse recoller desde este luns nas conserxerías das diferentes facultades e escolas do campus, en horario de mañá e tarde, así como na sede da Vicerreitoría. En caso dos centros, as invitacións estarán dispoñibles entre o luns e o mércores, pero poderán recollerse ata as 21:00 horas do xoves na Casa das Campás.