Comeza en Vilagarcía o Festival New Millennium coa formación a 40 estudantes Erasmus
Por Redacción
O New Millennium International Chamber Musical, o festival de música clásica que se desenvolve en Vilagarcía do 3 ao 7 de abril, arranca este luns co programa formativo no que recoñecidos músicos e intérpretes de prestixio internacional impartirán masterclasses a 40 estudantes bolsados polo programa Erasmus+ chegados de distintos lugares do mundo e que compartirán a experiencia con alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía.
O festival organizado pola Sociedade Filarmónica de Vilagarcía (SFV) comparte sede coas cidades de Sofía, Viena e Budapest e inclúe a celebración de catro concertos ao longo desta semana, tres dos cales son abertos ao público.
Vilagarcia converterase esta Semana Santa na capital da música de cámara de todo o país grazas a este evento promovido pola SFV, financiado polos fondos europeos do Erasmus+ e unha achega da SFV e no que o Concello de Vilagarcía colabora poñendo a disposición as instalacións culturais e dando difusión ao festival.
O certame, creado e dirixido pola recoñecida violinista norteamericana, Miranda Liu, contará coa participación dun equipo composto por oito músicos que xa contan cunha relevante traxectoria en formacións de todo o mundo, con moitos premios no seu haber e cun gran recoñecemento internacional. Eles serán os encargados de impartir a formación ao alumnado e de ofrecer, ben sós ou xunto dos erasmus, os concertos dos que poderán gozar os vilagarciáns.
A lista destes artistas principais a encabeza a propia Miranda Liu e complétase no apartado de violín coa participación de Vlad Stanculeasa. Mathiu Herzog e a galega Inés Picado compoñen o dúo de viola e Kyril Zlotnikov aporta o cello. A frauta soará grazas ao virtuosismo de Adriana Ferreira e o clarinete do galego Darío Mariño. Por último, Georgy Tchaidze sentarase fronte ao piano.
O concerto inaugural celebrarase o mércores 5 de abril no Auditorio con entrada de balde. O pazo de Rubiáns acolle o xoves 6 a actuación do cuarteto Atenea. Neste caso o aforo ofrecerase un aperitivo polo que se estableceu unha entrada a 26 euros. O salón García será o escenario do concerto do venres 7, con entrega de balde e o programa pecharase ese meso día cun concerto no Pazo Castriño exclusivo para socios da SFV.