'Seis Caminos de Diversidad Funcional', novo libro da pontevedresa Sabela Senn Lozoya
Por Redacción
A violinista pontevedresa Sabela Senn Lozoya presenta o seu novo libro baixo o título 'Seis caminos de diversidad funcional', un traballo publicado pola editorial Isthar Luna-Sol. A partir deste xoves 13 de abril, aquelas persoas interesadas na súa lectura terán a oportunidade de adquirir un exemplar nas principais librerías da cidade do Lérez.
A autora desenvolve nas páxinas deste traballo a historia dun adolescente diagnosticado con Trastorno do Espectro Autista, contada a través do mozo e tamén do seu musicoterapeuta. Desta forma convídase o lector a coñecer esta fórmula de tratamento e os sentimentos dunha persoa co especto.
As outras cinco historias da trama mostran realidades de nenos e nenas con diagnósticos como a hipoacusia, epilepsia focal, hemiparesia, síndrome de Sturge-Weber e TDA/TDAH. Unha participación da venda de libros irá destinada á Asociación Española Síndrome Rubinstein Taybi.
David Rodríguez, medallista paralímpico e presidente da Fundación Pegasus, coñecido tamén polo seu paso polo programa MasterChef, encargouse de elaborar o prólogo do libro trasladando a súa mensaxe: "o meu non é normal, pero o teu tampouco".
Sabela Senn Lozoya ten previsto acudir a feiras do libro como a de Madrid ou San Jordi para presentar este traballo. A autora, nacida en 1992, é violinista, pedagoga da Linguaxe Musical e Musicoterapeuta. Publicou en outubro de 2022 o seu primeiro libro titulado '(DES)AMOR. La Tribu de los Corazones Rotos'.