A obra baseada no caso Altsasu pecha unha nova edición do ciclo Ponteatro
Por Redacción & Cristina Saiz
Con Altsasu, unha peza baseada no proceso xudicial que condenou a oito mozos por agredir a dous gardas civís na localidade navarra de Alsasua e todo o balbordo social e mediático que se xerou ao seu ao redor, chegou á súa fin unha nova edición do ciclo Ponteatro.
A compañía bilbaína La Dramática Errante trouxo a Pontevedra esta aclamada montaxe teatral, candidato a mellor espectáculo nos Premios MAX 2023, que está escrito e dirixido por María Goiricelaya, que tamén opta a estes galardóns pola autoría desta obra.
A partir de transcricións de testemuños, recortes de prensa e contidos de redes sociais, Altsasu realiza unha recreación dramática que ten como obxectivo reflexionar sobre un dos procesos xudiciais máis mediatizados e controvertidos da historia recente de España.
O público pontevedrés despediu con aplausos esta arriscada e comprometida obra teatral que busca, segundo os seus responsables, "lanzar luz sobre unha pasaxe escura da recente historia estatal", apelando a unha dor universal e a chegar a unha "verdade compartida".
Apostando por unha escenografía sinxela e con dúas actrices e dous actores que interpretan múltiples personaxes, a obra trasladou aos espectadores do bar Koxka aos entroidos de Altsasu, pasando polo cárcere, o xuízo ou a celebración do día da Patroa da Garda Civil.
Nagore González, Egoitz Sánchez, Aitor Borobia e Ane Pikaza foron os intérpretes desta obra coa que Ponteatro despídese das táboas pontevedresas ata o próximo outono.