Un concerto para conmemorar o Día das vítimas do exilio
Por Redacción
Este ano o Museo de Pontevedra conmemorará o Día de lembranza e homenaxe ás vítimas do exilio con 'Contrapuntos', un programa que perdurará no tempo.
Nesta edición aproximarémonos á música de Salvador Bacarisse, compositor exiliado en París en 1939. Terá lugar o próximo martes 9 de maio ás 19:00 horas no Edificio Castelao, cun concerto a cargo da arpista viguesa Alba Barreiro e unha conversa con Salvador Bacarisse Cuadrado, fillo do compositor.
'Contrapuntos' é unha acción de sensibilización e divulgación de memoria democrática. Toma como fío condutor a música como patrimonio e expresión artística, e presenta os relatos vivos das familias e descendentes que viviron a represión e o exilio da Guerra Civil.
A arpista Alba Barreiro (Vigo, 1988) ofrecerá un concerto no que presenta repertorio inédito para trío con arpa de Salvador Bacarisse (Madrid, 1898 – París, 1963), compositor integrante do Grupo dos Oito e Premio Nacional de Música en diversas ocasións. Xunto á violonchelista Margarida Mariño (Vigo, 1990) e o frautista Pablo Díaz Mera (Ferrol, 1991) interpretará a Sonata en trío op.13 de Salvador Bacarisse e Tres pezas de Xesús Bal y Gay (Lugo, 1905 – Madrid, 1993).
A actividade está comisariada por Samuel Diz, músico e investigador do legado cultural do exilio republicano. Completarase cunha conversa co fillo do compositor, Salvador Bacarisse Cuadrado (Madrid, 1923), quen lembrará como chegou co seu pai a París portando unicamente uns billetes inservibles da República e os manuscritos musicais. Na actualidade estes documentos consérvanse na Fundación Juan March e foron obxecto de estudo nas investigacións de Alba Barreiro.
Nada en Vigo en 1988, Alba Barreiro iniciouse na arpa celta con Rodrigo Romaní e na arpa de pedais con Céline Landelle. Máis adiante formaríase en Musikene con Frédérique Cambreling, Christine Icart e Elisabeth Colard.
O seu perfil polivalente levouna a colaborar como arpa principal e tamén como solista en agrupacións clásicas como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Vigo 430 ou a Orquestra Gaos e tamén compartindo escenario con artistas doutros estilos musicais como Carlos Núñez ou Abraham Cupeiro.
O seu interese pola investigación e a divulgación da nosa música conduciuna a publicar en 2020 o seu primeiro traballo discográfico, 'Eixos cromáticos', consistente en transcricións propias de obras de Andrés Gaos e Xesús Bal y Gay. Este traballo inclúe obras para arpa soa e obras de música de cámara para trío. Tamén estudou a figura de Nicanor Zabaleta, importante arpista donostiarra do século XX, afondando no repertorio para o trío coa mesma formación que liderou o arpista nos anos 30. Resultado desa investigación presentamos a Sonata en trío op. 13ª, de Salvador Bacarisse.