A antiga igrexa de Santa Clara volverá encherse de historias e imaxinación na nova entrega de 'Sete Falares'
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra recupera unha das citas clásicas que anticipan a chegada do verán: Sete Falares, que acada a súa undécima edición.
Entre o sábado 3 e o domingo 11 de xuño, Pontevedra fará mergullo na narración de historias, na escoita e na aventura. De novo, Sete Falares repetirá en Santa Clara como sede fundamental para o seu programa.
A antiga igrexa do convento acollerá aos mellores contadores galegos e mesmo doutras partes do mundo.
O sábado 3 de xuño, o protagonista será Quico Cadaval; o domingo 4 de xuño, Caxoto; o luns 5, Brais das Hortas; o martes 6, Ánxeles Goas; o mércores 7, Carmen Conde; o xoves 8, De dous en dous (Adriano Reis e Quico Cadaval), todos eles ás 21 horas.
O venres 9, neste caso ás 18 horas, actuará Adriano Reis e logo ás 20 horas: Tres eran tres (Cristina Verbena, Pepito Mateo e Victoria Siedlecki).
O sábado 10, será Pepito Mateo ás 18 horas.
E por último, o domingo 11: Vermú de Contos (Cristina Verbena), ás 13 horas. Victoria Siedlecki, ás 18 horas e a Gala de Clausura con Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki será ás 21 horas.
O sábado 10, ademais do programa habitual ao longo da semana, haberá un ciclo baixo o nome ‘Rota de historias’ que partirá desde a igrexa e percorrerá lugares emblemáticos da cidade namentres se comparten historias da man de Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki.
Haberá catro quendas (para catro grupos de sesenta persoas) con saída ás 22.00, 22.20, 22.40 e 23.00 horas. As invitacións poderán ser recollidas na Igrexa de Santa Clara de Pontevedra desde as 21.30 horas para todas as funcións.
Cómpre lembrar que todas as actividades incluídas no programa terán unha entrada de balde até completar capacidade.