'Blanco y negro', unha exposición na que Tatsiana Ausianaya retrata as ideas sen cores e sen aditivos
Por Redacción
A sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolle a partir deste venres 2 de xuño a exposición 'Blanco y Negro', unha colección pictórica elaborada pola artista Tatsiana Ausianaya
A exposición estará aberta ata o domingo 18 de xuño de luns a venres entre as 9:00 e as 20:00 horas; os sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas; e os domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 horas.
Amosará aos visitantes unha colección de 16 cadros, obras artesanais cunha gama cromática pouco variada, baseada no branco e o negro, esas dúas cores "tan antagónicas como necesarias na historia da arte".
Destacan desde a Deputación Provincial que é "a combinación máis difícil de encaixar pero que, porén, é e sempre será un clásico en ámbitos como o deseño de interiores".
Creada entre os anos 2020 e 2023, nunha época que a artista considera "unha das máis duras" por mor das crises xeradas pola covid-19 e a Guerra de Ucraína, esta mostra pinta en branco e negro para retratar as ideas sen cores e sen aditivos, mesturando os límites do deseño de patróns, empregando a ilustración para transformar os espazos e amosando a expresión espida e natural da vida.
A colección reta as persoas espectadoras a aprender a mirar e descubrir, á vez que obriga a fixarse nos detalles do contraste.