A Escola Municipal de Música da Illa despide o curso con concertos
Por Redacción
A Escola de Música de A Illa de Arousa despide o curso con dous concertos cos que espera sorprender no Auditorio municipal a toda a poboación afeccionada á música en calquera das súas modalidades.
O primeiro deles terá lugar este luns e ao escenario subiranse de xeito individual cada un dos alumnos deste centro para amosar os seus progresos ao longo do curso no instrumento escollido. Ao término na actuación terá lugar a entrega de diplomas aos que xa rematan a súa formación.
A cita será ás 19 horas con entrada gratuita e será un calentamento de cara ao Concerto programado para o venres 16 de xuño, á mesma hora e no mesmo escenario. Nesta ocasión a actuación correrá a cargo das agrupacións da Escola (banda, coro, orquestra e batucada) que integrarán como solistas aos gañadores do Concurso de Audicións celebrado a metade de curso. Serán Antonio Castrelo González (2º de clarinete), Alba Carré Otero (1º de violín), Alberto Fernández Renda (4º de clarinete) e Breogán Otero Nogueira (3º de guitarra) quenes acompañen ás agrupacións.
Ambos concertos estarán dirixidos por Alberto Calvo Pazos e Patricia Tuñez Gómez, coordinadores da Escola de Música xunto ao grupo de profesores que imparten as clases de cada instrumento. Ambos coinciden en destacar a sensibilidade existente na Illa de Arousa coas disciplinas musicais, que levou á Escola a contar neste curso que remata con cerca de un centenar de persoas inscritas, de todas as idades. Alberto Calvo anima por tanto ás persoas con certa inquietude a dar o paso e inscribirse, a partir do día 28 de xuño, para o vindeiro curso.
Na Escola comparten aprendizaxe nenos a partir de 3 anos, que comezan con música e movemento ata a idade de 7 anos, na que xa poden escoller instrumentos, con persoas de moita máis idade. Como exemplo Alberto Calvo cita a Dolores Folgar, doña Lola, que trala súa xubilación e sen coñecemento musical previo, decidiuse a aprender a tocar o violín. "Encantaríanos animar ás persoas maiores a achegarse á Escola de Música; a idade non é limitante para aprender, ao contrario".
Nesta liña Alberto Calvo destaca o éxito obtido este ano pola agrupación de batucada, coa que esperaban unha boa acollida por parte da poboación adolescente. "Sen embargo foi un reclamo para adultos, que viñeron pensando na súa participación en comparsas e en actuacións nas rúas. Foi un éxito inesperado que por suposto terá continuidade".
Pola súa parte, Rosi Viana, concelleira en funcións de Cultura, indica que o traslado da Escola de Música ás Casas Modernistas é clave no crecemento e expansión deste centro de formación público, no que tamén preparan ás persoas interesadas para superar as probas de acceso ao Conservatorio. "Contar cunhas instalacións axeitadas e espaciosas permitiunos ofrecer unha mellor calidade formativa, ampliando as materias, os instrumentos, o equipamento e incrementando as prazas e iso xa se notou neste curso que remata".