Pedro Casablanc abrirá o 10 de xullo a segunda edición do Festivalle en Vilanova de Arousa
Por Anxo Lourido
Entre o 10 e o 15 de xullo desenvolverase a segunda edición do Festival de Teatro Festivalle en Vilanova de Arousa.
A programación arrinca o luns 10 co actor Pedro Casablanc que será o protagonista do espectáculo 'Don Ramón María del Valle-Inclán a través de Ramón Gómez de la Serna', dirixido por Xavier Alberti. Será a estrea en Galicia da obra. A metade das entradas para asistir a esta montaxe no Auditorio Valle-Inclán xa se atopan vendidas, segundo indican desde o Concello. A venda realízase a través de Ataquilla.
O martes 12, Morfeo Teatro ofrecerá a representación de 'Los cuernos de Doña Friolera'. O mércores e o xoves o actor Rafael Álvarez "El Brujo" volverá ser o centro de atención do festival coa representación de 'El alma de Valle Inclán' e a estrea mundial de 'La lámpara maravillosa'.
A semana concluirá con dúas representacións gratuítas ás que se poderá acceder previa retirada da invitación a través de ataquilla.com. O venres 14 a Escola Superior de Arte Dramática representará 'A cabeza da Bautista', adaptación do texto orixinal do autor de Vilanova.
O sábado vai presentarse 'La cabeza del dragón' a cargo da compañía El Callejón del Gato. O espectáculo está destinado a público familiar con menores que superen os oito anos.
Tamén está aberto o prazo para aquelas persoas que queiran inscribirse para o curso de verán a través do teléfono 986.555.493. O mesmo número onde poden apuntarse a un percorrido guiado gratuíto polos espazos relacionados con Valle Inclán do municipio. A actriz Fátima Rey desenvolverá esta actividade ás 12.00 horas entre os días 11 e 15.
Ademais desenvolverase unha exposición sobre Valle Inclán, desde a óptica de Siro, que abrirá as súas portas o 1 de xullo e permanecerá na igrexa vella da Pastoriza ata o 16.