Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Leilía e Sés porán 'voz de muller' ás Festas de Verán
Por Alejandro Espiño
Catro serán os concertos que darán forma a unha nova edición de Con Voz de Muller, o ciclo das Festas de Verán protagonizado por mulleres referentes do mundo da música.
Este ciclo, un dos de maior éxito das festas estivais de Pontevedra, desenvolverase entre os días 3 e 6 de agosto. Os catro concertos serán na Praza da Ferrería, ás 22:30 horas.
Fillas de Cassandra, un dúo que está a revolucionar a música galega, serán as encargadas de abrir Con Voz de Muller o xoves 3 de agosto.
O dúo vigués, que acaba de editar o seu primeiro disco, Acrópole, aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.
O venres 4 de agosto será a quenda de A Banda da Loba, cinco mulleres -Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás (guitarras), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz)- que uniron as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto.
Ademais dun repertorio propio, este quinteto galego é coñecido por poñer música a poetas soados como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra, todo iso baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop ou do folk.
A proposta que este ciclo fai para a noite do sábado 5 de agosto será o concerto da banda Leilía, unha formación de música tradicional con máis de tres décadas sobre os escenarios.
Manteñen desde entón a súa aposta pioneira e atrevida, recuperando do esquecemento a tradición oral galega ao son de pandeiretas e voces, grazas á singularidade e beleza da música de raíz.
O broche de ouro a esta edición de Con Voz de Muller, o domingo 6 de agosto, poñerao Sés. Chegará a Pontevedra para presentar o seu último disco, Diante un eco.
Nel, a cantautora coruñesa, convertida nunha das grandes referencias da música galega actual, canta ao eco dun pasado tráxico, do retorno aos totalitarismos, da laxa dunha profunda e crecente desigualdade social ou dos retrocesos na igualdade de xénero.
Relacionadas:
-
A Ferrería encheuse para gozar de Leilía
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A Banda da Loba fabrica luz sonora ante o público da Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Monte Porreiro vibrará cos ritmos urbanos de Bejo, Rebeliom do Inframundo, Lamatumbá e Dakidarría
Por Alejandro Espiño |
-
Carolyn Wonderland, Acantha Lang e Vanessa Collier, as estrelas internacionais para o Festival de Jazz e Blues
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra busca ser un "fervedoiro" cunhas Festas de Verán convertidas no 'Pontevedra Verán Fest'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Vanesa Martín, La M.O.D.A., Cruz Cafuné, Pimpinela, Recycled J ou Baiuca, nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival de Jazz de Pontevedra cambia xullo por agosto e será a antesala das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |