As "Marionetas de circo" de Rui Sousa encandean a pequenos e maiores
Por Cristina Saiz & María José Pita
Cun cheo total de público sentado nas cadeiras, na moqueta aos pés do escenario ou de pé ao redor do espazo creado na Alameda de Pontevedra, a compañía portuguesa de marionetas Rui Sousa encandeou a pequenos e maiores.
Os artistas, o propio Rui Sousa e o seu axudante, un noviño Vicente Sousa, levantaron ao público dende a súa aparición en escena. "Nós vimos do norte de Portugal, por iso tamén somos galegos", proclamaba Rui Sousa. Ata tres saídas completaron os artistas namentres reclamaban con complicidade os aplausos cada vez máis fortes. A continuación, para seguir captando a atención dos presentes, unha invitación a acompañalos mentres facían un exercicio de quecemento de mans. Teatro interactivo que deu paso ás aparicións estelares de cada un dos artistas de madeira, unhas marionetas artesás que unha a unha foron executando os máis diversos roles circenses.
François, o trapecista francés; a bailarina Silvia; o fakir devorasabres que vén da India; Igor, o contorsionista de Ucraína; o artista español Paquito e as súas acrobacias sobre un uniciclo; Don Malabarini, que fixo malabares con dúas bólas ante o abraio do público; ou a rabuda macaca Chimpa, entre outros, foron desenvolvendo as súas actuacións suspendidos de fíos que con moito oficio movía Rui Sousa. O artista foi quen de manter a atención dos alí presentes cunha execución maxistral onde mesturaba arte e humor. E a cada treito, unha interpelación ao espectador: cada vez que Sousa anunciaba que "este número é moito perigoooso", tras un longo "ohhh" que ensaiou cos presentes, a maxia e a emoción aterraban na Alameda.
Pechaba o espectáculo Don Esqueleto, actuación estelar do personaxe máis "veterano" da familia circense, que interpretou un baile imposible separando as súas articulacións.
Ao remate do espectáculo de 40 minutos de duración, Rui Sousa convidou a todos os presentes a traspasar a cuarta parede e ver de preto as marionetas. O público colleulle a palabra e a maxia continuou "entre caixas".
Foi o primeiro espectáculo do ciclo 'Titirivedra', que ofrecerá teatro de monicreques e marionetas cada día ata o 23 de xullo ás 19:00 horas na Alameda de Pontevedra. A obra deste martes 18 será "Unha armadura de ferruxe", a cargo de Títeres Cascanueces.