Carolyn Wonderland causa baixa no Festival de Jazz e será substituída por Gisele Jackson and The Shu Shu's
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
Un problema de saúde da artista Carolyn Wonderland obriga a suspender o concerto que estaba previsto da artista de Houston dentro do XXIX Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, segundo informan desde a organización.
No seu lugar, ao escenario da praza da Ferrería subirase o luns 7 ás 22.30 horas unha das voces máis relevantes da música afroamericana actual, Gisele Jackson, acompañada pola súa banda The Shu Shu’s.
Esta intérprete naceu en Baltimore e iniciouse musicalmente no soul clásico. A súa transcendencia pública chegou cando Ray Charles a incorporaba á súa banda para convertela nunha raelette, unha corista nos seus concertos. Tamén Donna Summer e James Brown incorporaron a súa voz en numerosas gravacións e concertos en directo.
Ademais participou como teloneira de Bette Midler, The Commodores, Tito Puente ou B-52. Participou nunha campaña comercial televisiva de Johnnie Walker e na película 'The First Wives Club' ('O club das primeiras esposas') de 1996.
Actuou na inauguración presidencial de Bill Clinton e tamén, con frecuencia, en Broadway en musicais como 'Dream Girls', 'Purlie' ou 'Carmen Jones'. Logrou o número tres na lista de baile de Billboard co clásico 'Love Commmandments'.
En Pontevedra estará acompañada pola súa banda formada por David Wilkinson á guitarra, Abel Boquera, no órgano Hammond e Caspar St. Charles na batería. O seu concerto será unha viaxe entre o soul clásico, o blues de Memphis e o funk con incursións no house e o dance.