Homenaxe póstuma á "pegada imborrable" de Juan Carlos Meana no Museo de Pontevedra
Por Redacción
O Museo de Pontevedra inaugurou na tarde deste xoves 'Juan Carlos Meana. O espazo entre as cousas', unha exposición adicada ao artista e profesor de Belas Artes Juan Carlos Meana, falecido en xaneiro deste ano.
A mostra poderase visitar no Edificio Castelao ata o 29 de outubro e reúne arredor de 30 pezas das tres últimas décadas do artista.
Na inauguración participaron o director do Museo, José Manuel Rey; o decano da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Buxán Bran; e o comisario da mostra, Alberto Ruiz de Samaniego.
O director do Museo expuxo que "se algo sobresae na súa figura é a brillantez coa que compatibilizou a práctica artística coa investigación teórica, o pensamento e a transmisión de coñecemento" e engadiu que a exposición é unha "merecida homenaxe a un vasco de nacemento e galego de adopción que deixou unha pegada imborrable nesta cidade onde desenvolveu a súa vida e carreira profesional".
De Juan Carlos Meana destacou o director do Museo que "coa súa creación artística cuestionou constantemente o sentido da obra de arte".
A selección de obras permite facer un percorrido pola investigación creativa de Meana, na que os obxectos cotiás serven de punto de partida para indagar sobre a propia condición humana. Espellos, pastillas de xabón, ladrillos ou escuadras metálicas son parte do enxoval sobre o que o artista edifica unha proposta que anima o público a descubrir sentidos ocultos.
En palabras do propio Meana recollidas na exposición: "Que a arte é unha forma de coñecemento non me ofrece dúbidas, e nese formar un coñecemento constrúese un saber. Trátase dun saber amplo que comprendería un saber ver, un saber facer e un saber pensar".
Juan Carlos Meana Martínez (Vitoria-Gasteiz, 1964–Pontevedra, 2023) foi artista e profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Doutorouse en Belas Artes no ano 1993 na Universidade do País Vasco, e estudou na ENSBA de París (1987-1989) con Christian Boltanski e residiu en Galicia desde 1993. Na Facultade de Belas Artes de Pontevedra exerceu a docencia e, entre 2010 e 2015, foi o decano do centro.
Relacionadas:
-
O Museo homenaxea o exdecano de Belas Artes Juan Carlos Meana cunha exposición
Por Redacción |
-
Belas Artes recorda a Juan Carlos Meana, o decano que a conectou coa cidade
Por Redacción |
-
Loito no campus de Pontevedra polo falecemento do profesor Juan Carlos Meana
Por Redacción |
-
O Museo acolle unha mostra colectiva sobre a muller, a identidade e o xénero
Por Redacción |
-
'Campo de sementes', unha escolla de obras do profesorado máis novo e máis veterano de Belas Artes
Por Redacción |