A praia da Banda do Río convértese nunha sala de cine
Por Redacción
Este mércores pola noite, a praia da Banda do Río, en Bueu, convértese nunha sala de cine.
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBueu, proxectará en dúas sesións e a partir das 22 horas algunhas das mellores curtametraxes que formaron parte da súa programación nas últimas edicións.
A escolma das películas fíxose arredor dun eixo temático: o verán e as viaxes. Dende a Praia da Bando do Río, o público poderá percorrer o estío do mundo a través do cinema.
As proxeccións están organizadas en dúas sesións: unha con filmes recomendados para todos os públicos, a partir das 22 horas; e unha segunda que comeza ás 23 horas e na que se proxectarán curtametraxes recomendadas para maiores de 16 anos. As organizadoras suxírenlle ao público que leve cadeiras, mantas, toallas ou elementos de apoio para acomodarse durante os pases de curtas no areal.
UN FESTIVAL PARA UN TERRITORIO
A promoción da cultura e do territorio no que se desenvolve o Festival, Bueu e a bisbarra do Morrazo, son dúas das razóns de ser do FICBUEU. De aí a organización destas proxeccións, que veñen sumarse ás actividades que a Asociación FICBUEU, que organiza o Festival, desenvolve durante o ano enteiro tanto para en materia de divulgación cultural coma de apoio ás persoas creadoras.
O Festival Internacional de Cinema de Bueu chega aos seus días grandes a partir do vindeiro 8 de setembro. O seu público poderá coñecer as tendencias mundiais máis recentes en materia de cinema de autor. Proxectaranse 89 películas chegadas de 30 países dos cinco continentes. Algunhas delas chegan a Bueu logo de pasaren por grandes eventos mundiais de cinema coma os Premios Oscar (EE.UU) ou o Festival de Cannes (Francia). As entradas para a vindeira edición do FICBUEU poderán ser mercadas por internet a partir dos vindeiros días.
Relacionadas:
-
Cine e ludoteca, un plan perfecto co que o FICBueu favorece a conciliación
Por Redacción |
-
Homenaxe a Joris Ivens, pioneiro do cinema documental con conciencia social
Por Redacción |
-
Silvia Lobo, Manuel Monzón e Mihai Chirilov, xurado oficial do FICBUEU 2023
Por Redacción |
-
O FICBUEU regresa en setembro con 89 curtametraxes de preto de 30 países
Por Redacción |