Brutal, banda pontevedresa de metal alternativo, presentará '22820' a finais de novembro
Por Redacción
Brutal lanzará o sábado 25 de novembro o seu último traballo discográfico ao mercado en formato físico. Leva por título '22820' e entre a súa principal característica a banda destaca que este disco foi gravado por duplicado, con versións dos dez temas que configuran o álbum en lingua galega e en lingua castelá. Trátase da primeira banda que grava un disco completo en ambos os idiomas.
Ademais, o grupo pontevedrés tamén gravou un vídeoclip para cada un dos temas nas dúas linguas, que serán estreados na súa canle de Youtube de maneira progresiva. O lanzamento de todos os temas deste traballo nas principais plataformas dixitais realizarase en marzo de 2024.
O 25 de novembro, ademais, está previsto o concerto presentación en Tronko Bar de Pontemuiños en Pontevedra. Ao mesmo tempo presentarase na páxina web da banda www.brutaloficial.com ou tamén se poderá acceder a través do correo electrónico oficialbrutal@gmail.com.
Brutal xurdiu en 2013 da coñecida agrupación pontevedresa Brutal Distracion, que alcanzou unha notable popularidade na década dos noventa, chegando a compartir escenario con referentes como Soziedad Alkoholika ou Beer Mosh, entre outras e realizando concertos en diversos festivais de renome en Euskadi ou en Madrid.
En 2014, xa como Brutal, lanzaron un EP e a finais de 2019 presentaban 'Grita máis forte', disco que presentaron nunha xira por toda España.
No novo traballo, a banda conta coa produción de Zoilo Santiago (Unreal Studios, Marín), quen tamén se encarga da gravación e mestura, mentres que para o mastering sumaron a Diego Bea Bicada (BeaBesada Estudos, Gondomar) ao proxecto. O disco caracterízase polo emprego de novos instrumentos e pola creatividade nos dez novos temas.