Thee Blind Crows volve aos seus inicios e percorre os seus quince anos de carreira nun novo disco
Por Redacción
A banda pontevedresa Thee Blind Crows está de estrea. Fano cun novo disco co que regresan aos seus inicios en formato dúo e no que percorren os seus quince anos de existencia.
En Thee Blind Crows 0823, que se pode escoitar en todas as plataformas desde este venres, reúnen vellas e novas colaboracións que se conxugan para elaborar o disco máis extenso e ecléctico da banda ata a data.
Quince temas que soan a blues, punk, garage, folk, surf, country e instrumentais, nos que o grupo promete desvelar a súa cara oculta.
Thee Blind Crows naceu en 2008 do cruzamento de camiños entre o blues e o punk. Influenciados por bandas como Zen Guerrilla, Thee Michelle Gun Elephant, Sonics, Stooges, Cramps, White Stripes ou Inmortal Le County Killers, conseguiron un son único e un directo enérxico.
Catro anos despois, tras gravar varias maquetas, editaron o seu primeiro disco Too Blues To Be Punk, Too Punk To Be Blues, ao que seguiron en 2014 Primitive Loud Blues, o EP Back From The Cave en 2016 ou o álbum Death Awaits Us All en 2019.
O seu novo disco Thee Blind Crows 0823 virá acompañado dunha xira de concertos que comezará en Vilagarcía de Arousa o próximo 28 de outubro.