Alberto Mancebo: "A miña nai sempre di que lle gusta máis como escribo que como o fago na tele"
Desde que era neno, Alberto Mancebo (Vimianzo, 1983) tivo claro que o seu era contar historias. Fíxoo con pequenos relatos ata que o xornalismo se cruzou no seu camiño. Primeiro na radio e, desde 2004, na TVG logrou dar renda solta á súa faceta comunicadora.
Pero coa pandemia, estando de correspondente en Portugal, sentiu a necesidade de volver a escribir. "Saíu de forma natural. Necesitaba facelo", explica nesta entrevista con PontevedraViva. Aí comezou unha aventura que, dous anos despois, converteuse na súa primeira novela.
Só había unha persoa que tiña claro que este momento ía chegar. E non era el mesmo porque "nin se me pasaba pola cabeza publicar nada". Pero a súa nai si. Ela foi a que sempre soubo que este libro, O que me quedaba por dicirche, e os que virán despois, serían escritos algún día.
A túa nai estaba convencida de que o seu fillo chegaría a ser escritor, non?
Sempre di que lle gusta máis como escribo que como o fago na tele (ri). Foi a que me falaba dos escritores, a que me compraba libros, a que me ensinou a redactar. Estaba obsesionada. Debía notar que de aí podía saír algo. Cando escribo non me acordo do que me dixeron os profesores. Acórdome do que me dicía miña nai. O libro non podía ser máis que un regalo para ela.
Pero, se non me equivoco, ninguén sabía que estabas a escribir.
Non estaba nos meus plan en absoluto. Cando acabei a novela ensineilla ao meu marido. El sabía que andaba garabateando algo, pero non sabía que era unha novela. Pobriño, imaxina que levas case vinte anos cunha persoa que nunca escribira nada e que de repente plántache unha novela na cara. E a sorpresa foi que lle encantou.
E de aí a Xerais, a editorial que publicou O que me quedaba por dicirche. Como foi o proceso?
"Quedei de pedra cando en Xerais me dixeron que si. Pensei que se equivocaran e que ían dicir que fora era un erro"
Un amigo meu que é poeta díxome que lle vía posibilidades e que intentara publicala. Pensei en autopublicala pero era un coñazo. Pero me dixeron que non, que tirara polo alto. E claro, fun a Xerais. Quedei de pedra cando me dixeron que si. Pensei que se equivocaran e que ían dicir que fora era un erro e que o correo que me mandaron non era para min.
De onde partiu a historia desta novela?
A historia en si empezou con un parágrafo pequeno que escribín nun avión, nunha viaxe que fixen co meu marido. Necesitaba escribir algo de ficción. Deixara de facelo na universidade. Había xente con moito talento e eu fíxenme moi pequeno. Sentía que non estaba á súa altura.
Dis que sentías a necesidade de escribir, por que?
Eu creo que a necesidade que teño agora de escribir veu porque eu non lera o suficiente ou non vivira o suficiente para poder facelo. Hai xente que é un xenio e desde moi novos poden facer novelas incribles. Pero no meu caso ten que ver coa madurez e con crer nun mesmo. Nunca pensei que podía facer novelas coherentes e que á xente lle gustaran. E resulta que son capaz.
Cal dirías que é o fío condutor desta novela?
A mensaxe que queda tras acabar a novela é que é importante comunicarse. A todos os niveis. Na parella, na familia ou entre os amigos. Aínda que é unha escusa para o tema gordo. Sempre quedan cousas que dicir e, sobre todo, por dicilas á cara. Supoño que este enfoque é porque teño 40 anos. Dacho a experiencia e a madurez. Se a escribira con vintepico anos, sería diferente.
Xoán, o protagonista, é un mozo que non sabe como xestionar os seus sentimentos. É dicir, como nos pode pasar a calquera nalgún momento da nosa vida...
Eu sempre digo que Xoán é raro, pero nos podemos sentir moi identificados con el en moitísimas cousas. É un tipo bastante raro e ten comportamentos absurdos, pero non é un robot que sea alleo ás emocións que coñecemos. É alguén co que podemos identificarnos.
Foi complicado meterte na súa pel?
"Unha das cousas que máis me custou foi volver a ter 25 anos e pensar como un rapaz de 25 anos que, ademais, non se parece en nada a min"
Foi unha das cousas que máis me custou. Volver a ter 25 anos e pensar como un rapaz de 25 anos que, ademais, non se parece en nada a min. Foi buscado a propósito. Non quería que a xente vira paralelismos comigo ou que me buscaran no libro. Meu non hai nada.
Xoán é un home de ciencias, non viaxa, é pouco sociable ou é heterosexual. Saber poñerme na cabeza dunha persoa tan diferente a min foi complicado. E o estilo tamén o foi. Tiña pánico a que resultara infantil ou demasiado xuvenil. Ese era o meu principal medo.
E ao final, o que subxace de toda esta historia é que todos somos o que somos, en gran parte, pola nosa familia. Tanto pola súa presenza como polas súas ausencias
Desde logo. A familia de Xoán é unha familia que lle vai ben. Lévanse ben entre eles a pesar de ser tan diferentes. Pero teñen unha eiva moi grande e el parece que non é consciente. Pasa de todo e aí está un dos nós da historia. As ausencias e as eivas que ten esa familia.
Reflexionas moito neste libro sobre a saúde mental, por que?
Saíu de forma natural. Igual quería parilo dalgunha maneira. Eu pasei unha depresión moi gorda en 2017 e intento loitar sempre contra o estigma que sigue habendo coa saúde mental ou a ansiedade. É terrible estar enfermo e que te miren mal. Como personaxe público, entre aspas, que son gústame dicilo por se alguén se sente coma min.
E todo desde a ficción. O feito de traballar como xornalista, no teu caso nos informativos da TVG, fai que esteas saturado de temas pegados á realidade?
Xúroche que é tal cual. O que quero coas miñas novelas é que haxa puntos de sorpresa, onde non te esperas o que está pasando, que tes que volver unha páxina atrás porque ves algo que roza o inverosímil. Non me interesa escribir nada realista, porque xa o fago no meu traballo.
A noveliña é curta, ten 130 páxinas, porque me gustan os libros cortos. Intento ir ao gran, non quero estenderme. E ten que ver co que dis tí. Ao estar todo o día escribindo do que pasa no mundo busco escribir de otras cousas, de aí os elementos de realismo máxico que hai na novela.
Pasouche, como a moitos escritores primerizos, ter o que chaman a síndrome do impostor? En plan, que fago eu escribindo un libro?
"Escribo tal cual o me gustaría ler. Non sei se é unha cousa boa ou mala (...) Gustaríame poder ler esta novela sen ter sido eu o autor a ver que pensaba"
Aínda o teño agora. O de ir a unha librería á que vai a vir xente que non coñezo para escoitar o que teño que dicir aínda me resulta raro. Ao principio pensei que ao mellor tiñan curiosidade por ver que digo fóra da tele. Pero no, pregúntanme cousas do libro.
É alucinante o cariño que estou recibindo. Hai moita xente que se sorprendeu de que sacara unha novela, algo que é lóxico. Pero as mensaxes e reseñas que me chegan son moi boas. A tirada vaise a acabar. Foi un dos libros máis vendidos no verán. Estou un pouco como Xoán no libro. Nunha nebulosa, unha especie de entresoño. A xente pregúntame se teño máis libros.
E telos?
Teño outras dúas novelas rematadas e unha cuarta á que lle falta pouco. A segunda, que é a que máis lle gustou á xente que a leu, xa a ten Xerais. Espero que a eles tamén lles guste. Téñolle moito cariño. É moi especial porque está ambientada no meu pobo. Éstá escrita metade en galego normativo e metade en versión dialectal da miña vila. A ver se sae adiante. Sexa como sexa, vou a seguir escribindo. Non o fago por publicar, porque rico non me fago con isto.
No resto das túas novelas segues a escribir o que queres ou xa te guías un pouco polos gustos dos lectores ou polas tendencias do mercado editorial?
Escribo tal cual o me gustaría ler. Non sei se é unha cousa boa ou mala. As persoas que me coñecen ben non lles extraña que inclúa ciencia ficción, algo de fantasía, lendas moi pegadas á terra, á Costa do Morte, con elementos moi cunqueiranos de realismo máxico. Gustaríame poder ler esta novela sen ter sido eu o autor a ver que pensaba.
Catro novelas en dous anos, o traballo como xornalista e a túa vida persoal e familiar. Como fas para compaxinar toda esa actividade?
Son unha persoa moi activa, estou sempre fóra da casa. Para escribir teño que estar nun estado mental moi concreto. Estar tranquilo e contento. Sen preocupación nin ansiedade. Iso anúlame por completo. E ter tempo, porque cando empezo non paro ata que estou fisicamente cansado. Iso é o que me gusta e o que me ten enganchado. Eu non sabía que me podía pasar isto.
Non me gustaría rematar esta entrevista sen falar do teu traballo na TVG. Tras cinco anos como correspondente en Portugal, estás contento coa túa etapa actual?
"Eu creo que o pasaría bomba nun magazine. Téñoo clarísimo. A miña personalidade pegaría moito con algo que combine entretemento e información"
Estou contento porque volvín para casa. Fun a Portugal porque quixen ir, pero toda a miña vida está en Galicia. A miña familia e meu marido foron super xenerosos comigo. Apoiáronme na idea de irme fóra. Tras cinco anos, coa pandemia e a morte do meu pai polo medio, sentín que era o momento de volver. Ofrecéronme traballar no equipo de fin de semana e presentando o Telexornal. Facer algo diferente ao que estaba a facer era un reto que non podía rexeitar.
Sempre estiveches vinculado cos informativos, gustaríache probar noutros rexistros?
Eu creo que o pasaría bomba nun magazine. Téñoo clarísimo. A miña personalidade pegaría moito con algo que combine entretemento e información, pero gústame moito a información, así que estou moi contento co que estou a facer agora mesmo.
E volver a Portugal está descartado?
Eu espero volver no futuro. Poder irme fóra de novo. Non sei se será posible. Igual que cando fun a Portugal ou cando empecei no Telexornal depende de moitas variables. Pero si, en Porto fun moi feliz. É o meu estado ideal, andar por aí informando de cousas. Xa veremos o que pasa.