Calo Lourido falará da "construción interesada e falsa" da historia de España na Casa de Cultura de Lérez
Por Redacción
A Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez organiza unha conferencia que baixo o título A Historia de España, unha construción interesada e falsa pronunciará o doutor en Xeografía e Historia e investigador Francisco Calo Lourido. Será este venres 27 de outubro ás 20:30 h na Casa de Cultura de Lérez (Rúa Leandro del Río, 12, Pontevedra).
Ao chegar o século XIX, o século das nacións, todas elas soñaron con ter detrás unha historia brillante que servise de engrandecemento, así como para xustificar a súa existencia e fachendear diante das outras. Para conseguilo non repararon en recorrer a terxiversacións e falsidades. España non é unha excepción. Na súa intervención, o profesor Calo Lourido tratará de sacar á luz de forma sinxela, pero rigorosa, deturpacións, falsidades e mitos sobre os que se construíu a historiografía española co fin de aparentar algo que aínda hoxe segue a ser a súa maior teima: a sacrosanta idea da unidade nacional.
Francisco Calo Lourido (Porto do Son, 1948) é doutor e catedrático de Xeografía e Historia, patrón do Museo do Pobo Galego, membro da Real Academia Galega e da Sociedade Portuguesa de Antropoloxía e Etnoloxía. Profesor invitado na Universidade do Porto e conferenciante na de Cambridge. Participante en múltiples escavacións arqueolóxicas, dirixiu as do Castro de Baroña. Desenvolve a súa actividade investigadora sobre todo nos eidos da arqueoloxía e da antropoloxía, con máis de 200 publicacións.
Relacionadas:
-
Cedofeita convida a lembrar oficios tradicionais na mostra aberta na Casa da Cultura de Lérez
Por Anxo Lourido |
-
Cedofeita presenta o número 25 da súa revista onde se aborda a reforma da Lei de Montes Veciñais
Por Redacción |
-
Cedofeita presenta 'Historia de Lérez', un libro colectivo que analiza a traxectoria da parroquia
Por Redacción |